Críticas ao novo plano forestal: eucaliptización e xestión privada do monte comunal

Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega

Privatización da xestión do monte, aposta pola produción de madeira de baixo valor engadido e priorización da produción forestalista mesmo favorecendo a degradación ambiental son, para unha ducia de entidades (dende ADEGA ao SLG, pasando pola Organización Galega de Comunidades de Montes) os eixos que resumen o novo Plano Forestal de Galicia, impulsado pola Xunta. Un total de doce colectivos asinan un documento de valoración do plano, que denuncia que o texto presentado polo Goberno autonómico "hipoteca o futuro dos montes galegos e coarta a consecución dun medio rural multifuncional e sustentábel. Ataca aos montes veciñais e agrede aos ecosistemas e á poboación que vive neles".

Para ADEGA, Amigos da Terra, APDR, APROPIGA, CIG, Comité en Defensa do Monte Galego, Federación Ecoloxista Galega, FRUGA, Organización Galega de Comunidades de Montes, OVICA, SLG, SOS Coello de Monte e UNITEGA, a política de montes do Partido Popular "foi e pretende seguir sendo totalmente forestalista". "Baseada na plantación indiscriminada" -din- "non contempla os outros usos do monte e certifica a perda da paisaxe en mosaico tradicional galega". Auguran que o novo Plano Forestal "seguirá a provocar a perda de solos e a persistencia dos incendios forestais, que seguirán a degradar os ecosistemas e a fosilizar enormes cantidades de cartos públicos".

Denuncian que o plano "elimina o carácter xermánico das titularidades veciñais", mediante a entrega ás empresas forestais das terras comunitarias

O primeiro punto que critican con dureza é a tendencia á mercantilización do monte e á privatización da súa xestión. Denuncian que o plano "elimina o carácter xermánico das titularidades veciñais", mediante a entrega ás empresas forestais "a través dos mal chamados contratos de xestión pública, das terras comunitarias de balde, aplicando as falsas e inxustas débedas dos consorcios e convenios". Tamén critica que se sigan considerando ás comunidades de montes como suxeitos pasivos no Imposto de Sociedades "como se foran meras empresas mercantís".

O segundo aspecto que causa alarma é o mantemento da aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido, a biomasa forestal e os cultivos enerxéticos. As entidades críticas denuncian a continuidade das subvencións públicas ao eucalipto, consolidando o Eucaliptus globulus. Tamén advirten da "forestación de terras agrícolas e a falla de iniciativas para recuperar a superficie agrícola usurpada", ademais de "abrir a porta ao uso masivo da biomasa forestal e os cultivos enerxéticos para producir electricidade".

Finalmente, denuncian que a Xunta "prioriza a produción forestalista favorecendo a degradación ambiental", por exemplo mediante "a intensivización da produción con monocultivos de especies alóctonas, o aproveitamento dos bosques de ribeira ou o uso masivo de agrotóxicos, esquecendo a o obxectivo de conservar os solos e mitigar os impactos do cambio climático".

Critican o mantemento da aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido, a biomasa forestal e os cultivos enerxéticos

As entidades asinantes deste documento de valoracións tamén critican a metodoloxía empregada polo Goberno galego á hora de elaborar e debater este plano. Destacan que "as directrices inicialmente aprobadas non son nen representativas do sector, nen democráticas, nen produto dun consenso entre todos os sectores relacionados co monte e co medio rural". Para a revisión do Plano Forestal, vixente dende 1992, creouse no Consello Forestal un grupo de traballo, que se reuniu durante 2015. Porén, cómpre ter en conta que 20 dos 25 membros do Consello Forestal representan ao sector da madeira e aínda que houbo un compromiso inicial de incorporar ao documento os resultados das consultas aos colectivos externos, isto finalmente non se cumpriu. A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCM), presente no Consello Forestal, difundiu os documentos de traballo a outros colectivos sen representación neste órgano, e no seu nome trasladou as propostas e conclusións das entidades sen voz.

 

Plantación de eucaliptos nun monte galego Dominio Público Martin253
Repoboación con eucaliptos realizada en Begonte © Adega
Fins Eirexas (ADEGA) entrega no rexistro da Xunta as valoracións ao plan forestal © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.