SOS Sanidade Pública, Foro Galego de Inmigración e Médicos do Mundo realizaron un acto público en Compostela para rexeitar non só o decreto do Goberno central que suprime o dereito á atención sanitaria para as persoas migrantes sen regularizar senón tamén o programa de atención alternativa anunciado pola Xunta, que cualifican de "apaño" e de "medida electoralista", poñendo en dúbida que o Goberno galego a manteña despois das eleccións. O pasado xoves Alberto Núñez Feijoo anunciou que o Goberno galego ía poñer en marcha mecanismos para que as nove mil persoas que se calcula van ficar sen tarxeta sanitaria poidan recibir algún tipo de atención.
A Xunta expedirá unha tarxeta especial para aquelas persoas sen permiso de residencia, pero que leven cando menos seis meses empadroadas nalgún concello e que ademais acrediten a súa carencia de recursos. A medida tamén inclúe unha moratoria de seis meses, nos que todas as persoas seguirán tendo acceso á sanidade. Porén, o certo é que o Goberno galego aínda non fixo oficial a medida, polo que non se coñecen máis detalles.
Denuncian así mesmo que o Goberno central tenta disfrazar, coa crise económica como desculpa, un cambio no modelo sanitario, creando unha diferenza entre asegurados e non asegurados
En calquera caso, os tres colectivos denuncian que a normativa suprime o carácter universal da atención sanitaria en España, establecendo "unha segregación por motivos racistas". Denuncian así mesmo que o Goberno central tenta disfrazar, coa crise económica como desculpa, un cambio no modelo sanitario, creando unha diferenza entre asegurados e non asegurados. Din que esta normativa exclúe as persoas migrantes sen regularizar a súa situación, pero alertan de que a exclusión se pode ampliar a outros colectivos. Alicia Ares (Médicos do Mundo) afirma que "estamos nun claro caso de xenofobia institucional disfrazada de crise".
Os tres colectivos rexeitan que se requira o empadroamento como condición para ter acceso á atención sanitaria e piden que se habiliten outros mecanismos de xustificación da residencia en Galicia distintas do padrón. Piden que este programa de atención alternativa facilite as vías de acceso e non esixa a presentación de documentación complexa, da que moitas veces as persoas migrantes carecen e que na práctica impide o seu acceso a esta alternativa. Tamén piden que a atención que vaian recibir estas persoas sexa completa e igual que a que poden recibir as persoas con nacionalidade ou permiso de residencia. O pasado venres os tres colectivos mantiveron un encontro coa Consellaría de Sanidade, que xa lles presentou un plan asistencial pechado, cando eles consideraban que o obxectivo da convocatoria era debater vías de solución e achegar posturas.
Francisco Reyes, de SOS Sanidade Pública, pide que o Goberno actúe contra o fraude fiscal e non contra o gasto xerado na sanidade pola poboación inmigrante
Pola súa banda, Francisco Reyes, de SOS Sanidade Pública, pide que o Goberno actúe contra o fraude fiscal e non contra o gasto xerado na sanidade pola poboación inmigrante, uns 500 millóns de euros anuais que representan o 0'4% da fraude fiscal, que en España dobra a media da UE. Pídenlle ao Goberno que poña sobre a mesa datos comprobados "e non exemplos anecdóticos"; por exemplo, afirmou que cada persoa inmigrante consume a metade dos recursos sanitarios que os cidadáns españois, unha diferenza que é mesmo meirande no caso dos xubilados, onde o os españois consumen tres veces máis.