Daquel 15M a este Movemento de Loita Popular

Concentrados ante a casa de Aurelia Rey na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Coincidiron na loita social. Contra os desafiuzamentos -no máis coñecido de Aurelia Rey e noutros-, contra as obras da Mariña, na loita por un ferrocarril público e de calidade, pola renda básica, na conflito do parque Ofimático e das preferentes ou contra a represión en forma de multas. Comezaron moito antes no 15M, hai agora case dous anos, debateron en múltiples asembleas xurdidas daquel esperanzador movemento e volveron colaborar por este 22M. E agora xúntanse no recentemente constituído Movemento de Loita Popular, un novo colectivo que xunta cidadáns da Coruña de diversos colectivos e co que pretenden dar un paso máis na creación de organismos transformadores no ámbito social. Clara e obviamente político, pero sen partidos que o guíen.

O Movemento de Loita Popular chama a cidadanía da Coruña a saír á rúa contra a corrupción este sábado

“Coincidiamos na resistencia cotiá, en moitos espazos e loitas e agora tratamos de unirnos, de crear sinerxías; vimos que en moitas mobilizacións funcionamos ben e quixemos dar un paso máis”, di un dos impulsores deste Movemento de Loita Popular (MLP) que fará a súa estrea este vindeiro sábado, día no que convocan a cidadanía a unha manifestación contra a corrupción ás 20 horas no Obelisco. “Nin un só corrupto nas institucións”, reza o lema dunha marcha que pretende ser a primeira de moitas máis dunha iniciativa á marxe dos partidos, pero moi política.

“Nestes tempos hai unha estigmatización dos partidos, pero a xente está moi politizada”, insiste a Praza este membro do MLP, que sabe que hai formacións políticas que apoian (e apoiarán) boa parte das súas reivindicacións, pero que “nin son protagonistas delas nin as guían”. “Moitos dos que piden dar resposta foron parte do problema porque os que saen á rúa non son corruptos nin teñen os seus cartos en paraísos fiscais... Son os que sofren os que menos colaboran nas desgrazas sociais”, insiste.

"Hai unha estigmatización dos partidos, pero a xente está moi politizada"

Cun claro funcionamento inspirado naquel 15M, o Movemento é un dos exemplos dos resultados que deu aquela mobilización, das manifestacións, reivindicacións, propostas e activismos que agora se xuntan nunha iniciativa que pretende incluílas a todas. “Parecía que o único que faciamos era ocupar prazas pero debaixo daquilo hai moito máis e estase vendo”, asegura un dos impulsores, que lembra como “moitos pensaron que daquelas protestas tiña que xurdir un partido ou a revolución inmediata, pero o que non podemos facer é sucumbir aos tempos que marca o capital”, engade.

"O 15M parecía que só ocupaba prazas, pero debaixo hai moito máis; conseguiu axitar as conciencias e por iso o poder lle ten medo"

“O 15M foi unha gran vitoria porque conseguiu axitar as conciencias e o poder tenlle medo precisamente por iso”, recorda un Movemento de Loita Popular que lembra que desde entón son moitos os que poñen en dúbida o papel dos partidos nesta crise e no futuro. “Hai moitas formacións de esquerda que están de acordo coas reivindicacións sociais e que comparten obxectivos, pero non teñen proxecto nin horizonte, non veñen cun plan debaixo do brazo”, explica.

Non obstante, reivindica o MLP, aquel 15M ao que se acusaba de non ter propostas si as fai. “Non só saímos a protestar, senón que exiximos medidas concretas”, explica quen sabe do que fala porque participou na paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey ou quen achega unha serie de medidas específicas como alternativa ás polémicas obras da Mariña na Coruña. “Non estaría mellor que en vez de asumir esa obra faraónica se empregasen eses cartos en repartir o traballo?”, pregúntase. "Non é necesario achegar maís recursos aos Servizos Sociais que sabemos que non dan feito?". Son só dous exemplos.

“Non imos conseguir unha renda básica, a mellora do transporte público ou a soberanía alimentar da noite á mañá; precisamos máis tempo e máis loita social, pero esta segue con máis forza que nunca porque a xente responde de xeito contundente e o acompañamento social das reivindicacións cidadás é cada vez máis grande”, finaliza.

A súa primeira demanda como colectivo -social, cidadá, aberto e sen xerarquías- será este sábado reclamando a dimisión de todos os cargos institucionais corruptos no Concello da Coruña. "Que estean fóra do poder!". Será unha proba para unha iniciativa que se fixa tamén no ronsel marcado pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo, que desde a unión e o compromiso leva tempo tamén na loita social.

Dominio Público Praza Pública
Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.