De Galicia a Grecia: Unha viaxe polas alternativas á crise

Belho percorrerá o sur de Europa, dende Galicia a Grecia Dominio Público Xavier Belho

Dende o extremo occidental de Europa até as portas de Asia, dende Fisterra ata Atenas, de Galicia a Grecia. Xavier Belho embarcouse hai días nun proxecto que nas vindeiras semanas o levará a cruzar en moto os países do sur de Europa, gravando un documental, Crisis? What Crisis?, que busca coñecer proxectos colectivos de transformación social. Despois de percorrer Portugal nos últimos días, atopámolo en Cáceres, nun descanso obrigado, para solucionar algúns problemas técnicos da súa Virago 1100. Madrid, Valencia, Barcelona, Roma, Patras, O Pireo, Tesalónica..., ata o 17 de decembro Belho percorrerá os países do sur de Europa, os chamados P.I.G.S., aqueles que con máis dureza están sufrindo a crise. Pero tamén aqueles nos que están a xurdir, tanto no eido social coma no político, alternativas máis vizosas. 

Crisis? What Crisis? é un proxecto que leva tres anos construíndose: "Nun colectivo de coworking no que estaba a traballar, Los Hermanos Karapatrov, decatámonos de que fronte a un escenario de crise, había moita xente que estaba a facer cousas novas, novos proxectos a pesar das dificultades", destaca Belho. Así naceu a idea de facer un documental que, relacionando ideas, trazou unha liña imaxinaria que unía os países agredidos do sur. A viaxe estaba fixada e só faltaba un medio de transporte. "Como me gustan as motos, propuxen facelo así, porque ademais é unha experiencia moito máis próxima á paisaxe e á realidade, e con máis aventura", destaca.

A idea é ir descubrindo e facendo visibles a través desta road movie persoas e proxectos que están dando unha resposta optimista e innovadora á crise, proxectos de transformación social, abertos e sostibles, "colectivos e persoas que gozan máis da experiencia ca do diñeiro", destaca. A idea foi xa presentada publicamente no Culturgal 2012, e dende entón o seu equipo (Eduardo Álvarez, José Doval, Sonia Díaz, Andrea Villa, Gonzalo Suárez e o propio Xavier Belho) dedicouse a deseñar o proxecto e a buscar os medios necesarios para levalo a cabo. Unha campaña de crowdfunding en Goteo.org (aínda aberta) recadou os fondos suficientes para comezar a viaxe. 

A pesar do mal tempo e dos numerosos problemas técnicos na súa moto que xa o obrigaron a deterse en varias ocasións, Belho abandonou xa Portugal, onde realizou varias entrevistas e mesmo puido asistir ao congreso do Bloco de Esquerda, onde coincidiu con Pablo Iglesias (Podemos). "O que atopo son moitas persoas que están a traballar, a xuntarse e a compartir para buscar un futuro máis aberto, máis democrático, máis solidario. Son optimista porque vexo que a xente se está movendo para saír disto", di. Sende (Vigo), Magma Espacio (Ourense), Rés-da-rua (Porto), Zona Franca dos Anjos (Lisboa), Habita (Lisboa), Mob (Lisboa), BBFarming (Cáceres)... "Son respostas optimistas, que buscan unha transformación, moitas veces á marxe do propio sistema. Ante a situación que estamos vivindo, a xente autoorganízase e busca solucións", engade.

"Son respostas optimistas, que buscan unha transformación, moitas veces á marxe do propio sistema. Ante a situación que estamos vivindo, a xente autoorganízase e busca solucións"

A crise uniu e achegou os países do sur de Europa. Territorios que até hai pouco mantiñan unha relación escasa e distante, como Galicia e Grecia, descubriron que sufrían problemas comúns. Esa relación é o fío condutor do documental e déixase ver nas entrevistas que Belho vai realizando: "Veño de estar en Lisboa, e alí entrevistei unha persoa dunha asociación chamada Habita, en defensa da habitação, do dereito á vivenda, que destacaron as conexións que manteñen con colectivos de Grecia, de Italia e de España", salienta. "Vexo que a xente se está decatando de que este sistema non funciona, que a clase política non responde ás necesidades que temos postas neles e que hai que buscar unha solución alternativa. En España e Grecia estanse articulando alternativas políticas a esta situación e que reflicten estes movementos. En Portugal semella que isto vai máis lento", engade.

"Vexo que a xente se está decatando de que este sistema non funciona, que a clase política non responde ás necesidades que temos postas neles e que hai que buscar unha solución alternativa"

"Precisamos visualizar outras respostas, outros futuros posibles, porque se non nolos imaxinamos nunca seremos quen de facelos realidade. Este proxecto vai dirixido, polo tanto, a tódalas persoas que buscan novas formas de vida fóra dos estándares de produción, persoas con interese en transformar dende a participación", sinalan os responsables do proxecto. O produto final será un documental con licenza Creative Commons, de xeito que se podan empregar as imaxes para desenvolver outros proxectos. O filme ten como obxectivo participar en festivais internacionais, e os seus responsables tamén esperan poder presentalo naqueles lugares por onde a viaxe está pasando.

Xavier Belho, presentando o proxecto do documental hai dous anos no Culturgal © Culturgal
Cartaz de 'Crisis? What Crisis?' Dominio Público Praza Pública
Unha das entrevistas que formarán parte do documental, en Braga © Xavier Belho

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.