'De Volta para Loureda' recibiu o Premio Vidal Bolaño

Entrega dos premios Roberto Vidal Bolaño CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Este sábado fíxose entrega do X Premio Roberto Vidal Bolaño, que recoñeceu De Volta para Loureda, un blog que reflexiona sobre a situación dos presos nacionalistas galegos e en especial sobre a de Carlos Calvo. Neste espazo publica habitualmente o propio Carlos Calvo, recluído no Centro Penitenciario de Topas, en Salamanca, e outras persoas como Anxo Angueira, María Xosé Bravo, Antón Dobao, Rodri Suárez, Xosé Luís Santos Cabanas, Xavier Campos ou Manoel Santos, entre moitos outros.

O acto de entrega tivo lugar na Facultade de Filosofía da USC e nel interviron Francisco Fernández Rei, Anxo Angueira, Maria do Cebreiro, Belén Quintáns, Roi Vidal, Xosé A. Laxe Martiñán, Xosé Luis Méndez Ferrín, Charo Lopes, Leo i Arremecaghona ou Rafael Martínez Castro, decano da Facultade de Filosofía. Martínez Castro destacou que "poucas dúbidas hai xa do que significou esa inmaculada Transición, ese proceso do que tantas mentiras se contaron e se superpuxeron para neutralizar tantas enerxías e tanto combate de tanta xente". Xosé Luis Méndez Ferrín lembrou a súa condición de "antigo preso politico" e salientou que "nesa situación calquera apoio que veña de fóra, calquera pequena correspondencia que nos veña do exterior resulta moi grata".

Recolleu o galardón Rosabel Candal, que salientou que De volta para Loureda non é máis que "unha rede de amigos e familiares que decidimos crear unha nova canle de comunicación para dar conta do que estaba pasando" e lembrou que precisamente neste día fan xa nove meses que Carlos Calvo está na cadea. No acto tamén se presentou o vídeo “Nenhuma primavera mais sem Carlos”, unha produción de cinco minutos que recolle testemuños a favor de Carlos Calvo e en denuncia da súa situación e no que participan Sechu Sende, Teresa Moure, Comba Campoy, Mini e Mero ou Luz Fandiño, entre outros. Sende denuncia que "a dispersión é unha forma máis de autoritarismo e de control da sociedade" que incide con dureza tamén sobre a súa familia e amigos. Pola súa banda, Moure afirma que o obxectivo é "neutralizar as persoas que pensan e actúan doutra maneira". E Mini pediu que deixen de colgar "estes sambenitos" a xente que non está probado que fixera nada malo: "eu non son terrorista e exerzo as mesmas ideas destes señores, pois que veñan por min".

O galardón, que dende hai unha década conceden as Redes Escarlata, busca "subliñar o labor individual ou colectivo en favor da lingua, da cultura e da nación galega". O xurado estivo formado nesta ocasión por Xosé A. Laxe Martiñán, Antón Dobao, Francisco Fdez. Rei, Lourdes Pérez, Luz Fandiño, Xosé Luis Santos Cabanas, Maria Martínez Clavell e Xosé Luis Méndez Ferrín como secretario.

Entrega dos premios Roberto Vidal Bolaño CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Entrega dos premios Roberto Vidal Bolaño CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Entrega dos premios Roberto Vidal Bolaño CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.