"Deitadas" contra o maior peche de camas da historia na sanidade

Traballadores da sanidade, deitados nun acto de protesta no Hospital da Costa CC-BY-NC-SA CIG

Hai tan só cinco días, os sindicatos CIG, CCOO, CESM-OMEGA, CSI-F, SAE e UGT anunciaron novas mobilizacións en protesta polo peche de máis de 1.200 camas hospitalarias nos meses do verán decidido pola Xunta. É, segundo denuncian do "maior peche de camas da historia", superior ás 1.100 camas pechadas o pasado verán e moi superior ás 600 postos inoperativos do 2010.

Traballadores da sanidade pública de toda Galicia deitáronse contra o peche de camas, os recortes e o deterioro da calidade asistencial

A primeiras destas mobilizacións chegou este mércores. Traballadores de todos os hospitais públicos galegos levaron a cabo unha "deitada" para denunciar este peche de camas. Deitados no chan en concentración, o persoal das áreas sanitarias galegas cargou contra os recortes e denunciou o incremento das listas de espera, cuxas marcas consideran "históricas", e o deterioro da calidade asistencial da sanidade pública galega. Denunciaron a política levada a cabo pola Xunta no ámbito sanitario nos últimos anos. Segundo din, os últimos cinco anos, do 2009 ao 2014, "foron os mais negros para a sanidade pública galega, imperando recortes, copagamentos, continuas privatizacións de centros sanitarios e eliminación de postos de traballo".

Os sindicatos falan de máis de 60.000 persoas en listas de espera, fronte ás 38.000 que di a Consellería de Sanidade

Todos os sindicatos advirten de que nalgunhas áreas sanitarias pecharanse a metade dos quirófanos e denuncian que, mentres a web do Sergas fala de máis de 38.000 persoas en listas de espera, as súas cifras elevan este número a máis de 60.000. Ademais, as centrais ofrecen alternativas, comoa a de aproveitar o verán para reducir as listas, ao ser un período con moitas menos doenzas respiratorias, o que axudaría a "paliar esta problemática". Do mesmo xeito, aseguran que "poñendo quirófanos pola mañá e pola tarde sería posible reducir en varios milleiros o número de persoas" que esperan a ser atendidas.

Cargaron, xa que logo tamén, contra as privatizacións e contra a creación de unidades de xestión clínica -criticadas polo Consello Consultivo de Galicia- porque "non son alternativa" nin para reducir as listas de espera nin para mellorar a calidade asistencial.

“A Xunta de Feijóo e Mosquera ten na súa folla de ruta desmantelar a sanidade pública e dedícanse a privatizar servizo a servizo (tecnoloxía, plataforma loxística, esterilización) e, agora co decreto de xestión clínica, pretenden que sexan as/os profesionais quen recorten as prestacións dos/as usuarios/as, constituíndo microempresas que a medio prazo poidan ser privatizadas”, denuncian os sindicatos no folleto repartido entre os usuarios. "Cada ano os orzamentos en sanidade redúcense drasticamente co obxectivo de recortar as prestacións sanitarias. En contraprestación os copagamentos sanitarios incrementáronse nun 260%, supoñendo un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos recursos", denuncian.

Todos os sindicatos demandan "que se blinde a sanidade pública contra as privatizacións"

Fronte a este "ataque sistemático dende os gobernos do PP", as organizacións sindicais demandan "que se blinde a sanidade pública contra das privatizacións e un compromiso firme e verídico dos gobernos na defensa do sistema público, deseñando plans de choque para rematar coas listas de espera, empregando todos os recursos, poñendo a funcionar mañá e tarde os quirófanos e servizos centrais: laboratorios, raios, consultas, etc., dotándoos do persoal necesario para o seu funcionamento e cubrindo as xubilacións". “En definitiva, creando emprego e non destruíndoo a pasos axigantados”, insisten, tras denunciar que Feijóo e a conselleira de Sanidade "érguense en defensores da sanidade pública mentres participan no lobby sanitario Sedisa, xunto coa industria farmacéutica e empresas privadas".

Ás cocnentracións que hoxe se levaron a cabo por toda Galicia unirase este xoves o Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS), que fará a súa "concentración deitada" a partir das 11.30 horas.

Traballadores da sanidade, deitados no Hospital da Costa CC-BY-SA CIG
Traballadores da sanidade, deitados nun hospital galego CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.