Denunciado un pesqueiro da Coruña por levar a bandeira galega

Bandeira galega nun edificio oficial CC-BY-SA Contando estrelas

Outra polémica polas bandeiras nos barcos. Desta vez, tal e como adiantou La Opinión de A Coruña, aconteceu co baro Cabo de Hornos Dos, que afronta unha multa de ata 120.000 euros por ter izada na embarcación unha bandeira galega de dimensións superiores ás permitidas. 

A Capitanía Marítima de Santander ve "falta grave" o izado da bandeira galega en dimensións superiores ás permitidas xunto á española

Foi a Capitanía Marítima de Santander a que tramitou a denuncia estando o buque atracado en Santoña. Manuel Iglesias, o patrón, enfróntase agora a unha "falta grave" por izar "de maneira incorrecta" a bandeira española ao levar a galega a carón dela nunhas "dimensións superiores" ás que establece a lei. 

Un dos varios puntos que puido incumprir o barco galego, e o principal, é o artigo 2 do Real Decreto 2335/1980 que regula o uso da bandeira de España e doutras a bordo dos buques. "Reservarase a hasta de popa e o pico do pau maior para a Bandeira de España", explica o texto, que no segundo punto aclara que "ningunha outra bandeira nin estandarte poderá permanecer izada se non o está o Pavillón nacional e as súas dimensións nunca serán superiores a un terzo da área deste", engade. 

Ademais, o parte aberto pola Capitanía Marítima de Santander lembra que só se pode levar como única bandeira a española e que esta ten que estar ubicada nun lugar preferente na popa. O exceso de celo amolou o patrón da embarcación galega, que se pregunta se a patrulla fiscal que lle abriu expediente non tiña nada mellor que facer ou se todos os edificios públicos e embarcacións cumpren coa normativa. 

CCOO pide a "paralización de expediente" e considera a proposta de sanción unha "persecución á insignia de Galicia"

Desde o sector do mar de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) xa se esixiu a "paralización do expediente" e considera un "pretexto" os argumentos para propoñer a sanción. "A bandeira española está enarborada no lugar que corresponde", afirman desde o sindicato. "Non se abre expediente porque o barco teña unha bandeira pirata, senón que se pretende sancionar a presenza mesma da bandeira da comunidade autónoma de orixe do barco".

Desde CCOO coidan que non se trata, polo tanto, "dun problema de identificación" da embarcación, senón de "persecución á insignia de Galicia". O sindicato critica que, "coas cousas tan importantes que habería que analizar nunha embarcación, sobre todo en materia de seguridade", a Capitanía Marítima de Santander poña tanto celo na presenza ou dimensións dunha bandeira.

Por estas razóns, o sindicato insta a Xunta da actuar "con carácter urxente e nos ámbitos en que corresponda" para que o expediente sexa paralizado e a eventual multa, se chegar, sexa retirada. Así mesmo, esíxelle á Administración galega dar os "pasos necesarios" para que a insignia de Galicia sexa recoñecida e non se volvan producir situacións coma esta noutros portos do Estado español.

Xa en xullo de 2013, mariñeiros da ría de Arousa queixáranse polas sancións que a Garda Civil impuxera a varias pequenas embarcacións por non izar a bandeira española.

Bandeira galega nun edificio oficial CC-BY-SA Contando estrelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.