Denuncian a corta dun carballo de 160 anos en Ourense por mor dunha obra de Fenosa

Restos do carballo de Vilar de Astrés CC-BY-SA Amigos da Terra

Un carballo centenario menos por mor da acción humana. Amigos da Terra vén de denunciar ante a Consellería de Medio Rural e mais a Dirección Xeral de Patrimonio a desaparición do centenario carballo que ata hai poucas semanas era protagonista na paisaxe de Vilar de Astrés, unha parroquia do rural do concello de Ourense situada, ademais, na contorna do Camiño de Santiago. A árbore, afirman, seguiría en pé se non fose pola imprudencia na realización nos traballos de canalización dunha liña eléctrica de Gas Natural-Fenosa.

A explicación 'oficial' do sucedido indica que as raíces do carballo estaban podres. Pero isto, afirman dende Amigos da Terra, non é exacto. "Polas evidencias que se observan nas raíces que quedaron ao aire" fica claro que "as que estaban orientadas cara ao Camiño "tiñan signos evidentes de podremia", se ben as que apuntaban cara á outra banda, a dunha capela próxima, "estaban en bo estado e fixaban a árbore ao solo".

Así, lamentan, as obras da compañía eléctrica "arrincaron as raíces que sostiñan árbore en pé", unha "actuación sen medidas de precaución" que "provocou a caída do carballo". O toco da árbore -parte máis próxima á raíz tras o corte-, explican, "amosa que non había ningún signo de podremia", xa que a súa madeira está "en moi bo estado". Se non se arrincasen as raíces sás, "a árbore seguiría en pé". "Tanto o tronco principal como as pólas estaban en perfectas condicións", acrecentan.

Amigos da Terra asegura que a obra arrincou as raíces que "fixaban a árbore ao solo" e denuncian a corta ante Medio Rural e Patrimonio

Tras as medicións realizadas nunha visita á zona o pasado 22 de xaneiro Amigos da Terra conclúe que o diámetro do tronco da árbore desaparecida era de entre 126 e 133 centímetros e a súa idade era de, aproximadamente, 160 anos. Os datos recollidos na semana forestal de Ourense en 2015, detallaban que a coñecida como 'Carballa do San Bieito' medía 25 metros de alto e cubría un perímetro superior aos 4 metros.

"Este tipo de actuacións poderían evitarse", evidencia o colectivo ecoloxista, que subliña ademais que non é menor a proximidade do Camiño de Santiago. Os camiños "están protexidos por lei e o seu coidado e protección debe ser prioridade tanto das administracións como da cidadanía". E os valores naturais, salientan, están incluídos nesa protección.

Vista parcial do carballo e da capela, en 2015 CC-BY-SA Amigos da Terra
Medicións do carballo, en 2015 CC-BY-SA Amigos da Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.