Denuncian a privatización de 'masas comúns' da concentración parcelaria na Baña

A Baña foi un dos concellos pioneiros de Galicia en facer concentracións parcelarias, 14 só na década dos 60 Dominio Público Praza Pública

A Baña foi é un dos concellos galegos pioneiros en facer concentracións parcelarias, realizando 14 procesos, coa súa correspondente entrega de títulos, na década dos sesenta. En total, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, A Baña ten 5.389 hectáreas concentradas. Porén, a xestión posterior desas concentracións, e sobre todo das masas comúns (terras que foron cedidas pola veciñanza afectada para permitir a construción de infraestruturas e servizos ás fincas), esperta críticas. A Consellaría de Facenda vén de levar a cabo unha nova poxa, a cuarta no último ano, das fincas pertencentes ás masas comúns. Estas terras, que eran propiedade da Cámara Agraria Local e que estaban a xestionar as asociacións parroquiais alugándollas a explotacións agrogandeiras, sumaban algo máis de 30 hectáreas.

Estas terras, que eran propiedade da Cámara Agraria Local e que estaban a xestionar as asociacións parroquiais alugándollas a explotacións agrogandeiras, sumaban algo máis de 30 hectáreas

O Sindicato Labrego Galego denuncia estas prácticas, pois defende que masas comúns derivadas das concentracións parcelarias "deberían seguir cumprindo unha finalidade que redundase en beneficio da propia veciñanza". Aínda que pertencían á Cámara Agraria Local, o uso destas terras era xestionado polas asociacións veciñais cada parroquia, que as alugaban ás explotacións gandeiras da zona a prezos baixos, proporcionándolles un doado acceso a unha base territorial extra. Ademais, eses alugueres revertían nas propias parroquias, que os utilizaban para investimentos necesarios como o mantemento dos locais sociais e outro tipo de obras.

O sindicato denuncia que agora estas masas comúns están sendo privatizadas pola Xunta "nun proceso de poxa sen ningún tipo de esixencia para que a terra siga a ter a vocación agraria e social que tiña". O SLG sinala que os seus temores "se viron confirmados" ao ver entre os poxadores "executivos de traxe e maletín competindo polas fincas en representación de varias empresas", que poxaron polas terras de maior extensión.

A falla de coñecer os resultados oficiais das vendas de onte, o sindicato sinala que os da segunda poxa, celebrada en xaneiro de 2013, "foron máis que significativos". Nesa ocasión, unha única empresa con sede na cidade da Coruña, que nada ten que ver con actividades agrogandeiras, adquiriu a terceira parte das terras licitadas ao facerse con seis das fincas máis grandes. En total, 97.374 m² repartidos nas parroquias de Suevos, Lañas e Barros, mercados por pouco máis de 60.000 euros que "con toda probabilidade, ficarán vedados para as explotacións gandeiras da zona". O SLG sinala que os gandeiros da zona que participaron na poxa "non tiveron nada que facer, xa que os prezos manexados non podían ser asumidos por explotacións que só necesitan a terra para uso agrario e non para especular con ela".

O SLG sinala que nesta poxa das masas comúns das concentracións parcelarias da Baña "puido máis o afán recadador da Xunta que traballar a prol do noso medio rural"

O Sindicato Labrego Galego sinala que nesta poxa das masas comúns das concentracións parcelarias da Baña "puido máis o afán recadador da Xunta que traballar a prol do noso medio rural". Engade que "se a Xunta quixese apoiar con estas fincas a actividade agrogandeira e as parroquias da Baña, só tiña que devolverlle esas terras ás parroquias ás que pertencen para que seguisen tendo o uso agrario e social que estaban a ter". Conclúe que se trata "dun suma e segue na posición desta Xunta, que deixa totalmente desprotexidas e ao alcance da depredación especulativa as terras agrarias do noso país. Deste xeito, terras de labor que deberían gozar da máxima protección e ter prohibido calquera uso distinto ao agrario ou á produción de alimentos, están hoxe inzadas de piñeiros e eucaliptos ou de parques eólicos para lucro dunhas poucas empresas papeleiras ou enerxéticas".

A Baña foi un dos concellos pioneiros de Galicia en facer concentracións parcelarias, 14 só na década dos 60 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.