Denuncian contaminación nas praias de Cedeira

Praia da Magdalena, en Cedeira Dominio Público Praza Pública

"Algo (raro) pasa coa praia da Magdalena", denuncia o colectivo Somos Cedeira, "plataforma cívica pola cultura, a xente e o medio ambiente". A súa denuncia refírese aos elevados niveis de bacterias fecais Escherichia coli e Enterococcus sp. recollidos neste areal e á falta de información oficial entre ruxe-ruxes de brotes de gastroenterite e dermatite, detectados no centro de saúde da vila. Tamén se fala de supostas averías na depuradora e de posibles verquidos de augas residuais directamente no río.

O colectivo remitiu o 9 de xullo un escrito de denuncia á Consellaría de Sanidade, que respondeu indicando que as análises "non detectaban contaminación", Porén, na mesma web da consellaría recóllese que as análises dos últimos catro anos levan a considerar "insuficiente" a calidade das augas nesta praia. A partir de 500 ufc de Escherichia coli ou 185 de Enterococos intestinais a calidade das augas ten esa consideración de insuficiente. Os niveis da Magdalena, dependendo da data de medición, roldan esas cifras, pero en todas as medicións superan a contaminación rexistrada, por exemplo, nas praias de Ber e Centroña, en Pontedeume, nas que o Sergas desaconsellou o baño hai unhas semanas.

Somos Cedeira reclama "transparencia" e información sobre os niveis reais de contaminación nesta praia e sobre o funcionamento da depuradora, e de igual xeito "control" sobre os verquidos que se realizan ao río.

Datos sobre a presenza de bacterias fecais no areal Dominio Público Somos Cedeira
Praia da Magdalena, en Cedeira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.