Denuncian hermetismo e opacidade na xestión dos CIE

CIE de Madrid © El Diario

"#UnCIEes el dispositivo para generar políticas del miedo"escribe en Twitter @rebelda4. "#UnCIEes una institució que tancarem i passarà als llibres d'Història, juntament amb el Camps de Concentració" publica a conta @TanquemElsCIEs. Ese hashtag, así coma  o #15jCIEsno, forma parte dunha campaña cidadá viral para visibilizar a existencia dos Centros de Internamento de Estranxeiros e reclamar o seu peche. "Terrorismo de estado contra o máis débil" opina @LoretoCastaedo e "un Guantánamo español", @SantiDemajo. Este sábado 15 de xuño realízanse accións descentralizadas ás que calquera persoa ou colectivo pode sumarse, que van desde explicarlle á familia o que é un CIE até organizar uns pasarrúas ou empapelar o barrio.

Dos dez dereitos que asisten aos estranxeiros internados, existen casos documentados de incumprimento da maioría deles

Grazas ás diferentes organizacións que traballan cos retidos e as súas familias, así coma aos recentes informes externos e traballos de investigación, a sociedade vaise facendo unha idea real de que é un CIE, moito máis alá das xeneralidades que achega o Ministerio do Interior. Dos dez dereitos que asisten aos estranxeiros internados, existen casos documentados de incumprimento da maioría deles.

Algúns exemplos: Samba Martine morreu no CIE de Aluche sen que o servizo médico a diagnosticara como portadora do VIH; Noura, cidadá marroquí residente en Orihuela, denunciou abusos sexuais por parte da policía no CIE de Zapadores (Valencia), no ano 2010; catro menores de orixe alxerina internados en Zapadores en abril de 2012 foron golpeados a media noite por un policía nacional en cara, pescozo, torso e brazos mentres lles berraban, sen que as vítimas puidesen entender pois non falaban castelán; Pobos Unidos documenta agresións policiais en outubro e novembro de 2012 así coma unha "estafa policial" a un interno. Segundo o Ministerio do Interior, "Recibir asistencia médica e sanitaria adecuada" ou "que se vele polo respecto á súa vida, integridade física e saúde, sen que poidan en ningún caso ser sometidos a tratos degradantes ou a malos tratos de palabra ou de obra e a que sexa preservada a súa dignidade e a súa intimidade", son dereitos recoñecidos aos internos.

Coa chegada das novas cabezas estratéxicas a este Ministerio a principios de 2012, o acceso de observadores e investigadores aos CIE, en concreto ao de Aluche (Madrid), dificultouse.

Coa chegada das novas cabezas estratéxicas a este Ministerio a principios de 2012 -Francisco Martínez como secretario de Estado de Seguridade, Ignacio Cosidó como director xeneral da Policía e Carlos de Abella como director xeneral de Relacións Internacionais e Estranxeiría-, o acceso de observadores e investigadores aos CIE, en concreto ao de Aluche (Madrid), dificultouse.

A investigación independente máis recente, realizada por xuristas das universidades madrileñas Complutense, Rey Juan Carlos e Autónoma, iniciouse a finais de 2011 con entrevistas a internas no CIE de Aluche e foi bruscamente interrompido en marzo de 2012, cando o director do centro comunicou que non podían continuar porque "os novos responsables de Interior non deran o visto bo para iso". Este equipo, dirixido pola catedrática de Dereito Penal Margarita Martínez Escamilla, non conseguiu ningunha outra resposta do Ministerio, até a data, para proseguir coas entrevistas, un ano e tres meses despois. Tampouco puido visitar o mesmo CIE eldiario.es, tras ser convidado por CEAR e SOS Racismo, para acompañar a comitiva de varios europarlamentarios. O Ministerio deixou fóra desta visita á ONG mencionadas, que noutras ocasións si visitaran o CIE con deputados españois e europarlamentarios.

Só nun 6,66 por cento dos casos o internamento das mulleres no CIE de Madrid estaría relacionado con comportamentos delituosos. "Faise un uso abusivo do internamento"

Ao estudo dirixido por Martínez Escamilla interésanlle máis as circunstancias e razóns das persoas privadas de liberdade e confinadas nos CIE que as condicións do internamento. E deita luz sobre elas con perspectiva de xénero, concluíndo que só nun 6,66 por cento dos casos o internamento das mulleres no CIE de Madrid estaría relacionado con comportamentos delituosos. "Faise un uso abusivo do internamento", din os xuristas e achegan que "existen bastantes indicios de que na actualidade a intervención dos Xuíces de Instrución que realizaron o internamento e a do Ministerio Fiscal non están a supor unha auténtica garantía da liberdade destas persoas".

"Estes balances inflan artificialmente a porcentaxe de expulsións cualificadas", ao excluír do cómputo xeral de internados "as expulsións por tentar entrar irregularmente ou vulnerando unha prohibición de retorno"

Os investigadores interpretan en Mulleres en CIE. Xénero, inmigración e internamento que "non existen datos que avalen a afirmación oficial de que a maioría dos internados en CIE o son por cometer delitos", o que constituiría un "falso discurso oficial". Na presentación deste informe, Margarita Martínez declarou que hai "unha gran chafallada, unha falta de rigor total e absoluto na comunicación das cifras" por parte do Ministerio do Interior e que se manexan conceptos equivocamente". Interior publica anualmente o Balance da loita contra a inmigración. No do ano 2012 afírmase que un 87 por cento das expulsións serían "expulsións cualificadas", é dicir, que traen causa na comisión de delitos. Segundo o citado informe, "estes balances inflan artificialmente a porcentaxe de expulsións cualificadas", ao excluír do cómputo xeral de internados "as expulsións por tentar entrar irregularmente ou vulnerando unha prohibición de retorno". Contabilizando este tipo de expulsións, as chamadas "cualificadas" ou por comportamento delituoso, baixarían ao 49,46 por cento.

Á hora de explicar que é unha "expulsión cualificada" o Balance de Interior lémbrase dos antecedentes penais e xudiciais, do terrorismo, das bandas organizadas, da violencia de xénero ou doutros delitos graves para a seguridade pública. "Unha aseveración carente de fundamento" sinalan os xuristas, "pois as expulsións penais aplícanse tamén a penas leves" como as derivadas por non poder pagar unha multa imposta. "Estas inexactitudes promoven a identificación das persoas 'sen papeis' coa delincuencia grave, identificación que por razóns obvias debería evitarse".

"Estas inexactitudes promoven a identificación das persoas 'sen papeis' coa delincuencia grave, identificación que por razóns obvias debería evitarse"

As trabas para continuar con esta investigación por parte da dirección do Centro de Internamento de Estranxeiros de Madrid e dos responsables do Ministerio do Interior poñen de manifesto, segundo os seus autores, "o hermetismo e a opacidade que preside a xestión dos Centros de Internamento, tamén respecto de proxectos académicos con apoio institucional" como é Mulleres no CIE, que forma parte do proxecto Iusmigrante, do Plan Nacional de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.

CIE de Madrid © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.