Denuncian o peche do programa muncipal de integración dos xitanos en Vigo

O convenio entre Concello e Fundación permitía a realización de programas de integración e promoción dos xitanos na cidade © eu-inclusive.eu

Dende hai máis de quince anos o concello de Vigo viña destinando anualmente cartos -en diferentes convenios- co obxectivo de mellorar a integración e promoción dos xitanos da cidade. Primeiro foi cun convenio con Cáritas que tras os anos foi asumido pola Fundación Secretariado Xitano, ao igual que o grupo de traballadores que viñan desenvolvendo o programa de xitanos. Nos últimos anos as contías deste convenio rondaron os 100.000€ (no 2011, 109.000€). Para 2012 o convenio ascende a 54.500€. No 2013 non vai haber convenio.

En consecuencia, o 5 de xullo catro traballadores da Fundación Secretariado Xitano de Vigo foron despedidos. Estas persoas, ademais, critican o trato recibido nos últimos meses e un marco xeral de mala xestión na Fundación no conxunto de España, con impagos e atrasos no pago do salario, despedimentos e peches de programas.

O convenio que todos os anos asinaba o Concello foi mudando. De ser un convenio aberto, que incluía accións comunitarias, grupais e familiares, pasou a estar restrinxido a facer educación familiar con 50 familias con problemas graves como: o coidado dos nenos, organización familiar, educativos... Agora, algunhas das familias xitanas pasarán ao programa de intervención familiar adxudicado a CLECE. A maioría quedan fóra a decisión do concello e da coordinación da Fundación que, segundo os traballadores despedidos, "dan por bo que moitas destas familias queden desatendidas, sen un programa que traballaba pola mellora das condicións de vida daquelas familias máis empobrecidas, marxinadas, excluídas...".

O convenio entre Concello e Fundación permitía a realización de programas de integración e promoción dos xitanos na cidade © eu-inclusive.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.