Denuncian que a escaseza de prazas para as probas de inglés na USC pode adiar a obtención dos graos

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

Dende hai anos cómpre acreditar un nivel B1 nunha lingua estranxeira para obter o título de grao. As universidades permiten acreditar o título mediante a presentación de títulos obtidos fóra da institución, e esta acreditación tamén se pode realizar a través dun curso no centro de linguas modernas (con matrículas con prezos superiores a 150 euros) ou ben presentarse as probas de acreditación que organiza este centro durante o curso. Estas probas de acreditación teñen dúas partes, unha escrita que é a proba coñecida como B1-A, e outra oral, a B1-B, sendo necesario aprobar as dúas para obter o título de grao.

O problema, segundo denuncia Acción Universitaria, é que dende febreiro xa non hai prazas dispoñibles para realizar a segunda parte da proba na USC, nin no campus de Compostela nin no de Lugo. O colectivo sinala que esta circunstancia deixa os e as estudantes que non se matricularan hai bastantes meses nas dúas probas ante o risco de non obteren o seu título de grao en xuño, tendo de agardar até setembro. Ou ante a necesidade, se queren o título en xuño, de ter que recorreren a unha acreditación externa, cun prezo elevado, e para a que nalgúns casos tamén se pechou o prazo de matrícula. Este grupo lembra que a obtención do título en xuño pode ser necesario para a continuación dos estudos noutros centros ou noutro nivel.

O colectivo sinala que "a causa deste problema é a falta de planificación da USC e polo tanto é a universidade a que ten que atopar unha solución para as persoas afectadas, e non ser estas as que teñan que buscala"

Acción Universitaria denuncia que "ante esta situación alarmante a resposta do Centro de Linguas Modernas, que se encarga de facer estas probas na USC, amosa pasividade e declara que por agora non se van a aumentar as prazas, que é a nosa responsabilidade por non prever esta situación". O colectivo sinala que "a causa deste problema é a falta de planificación da USC e polo tanto é a universidade a que ten que atopar unha solución para as persoas afectadas, e non ser estas as que teñan que buscala". Acción Universitaria esíxelle á USC que "amplíe as prazas para realizar as probas de acreditación en lingua inglesa, así como tamén en todas aquelas linguas que non teñan suficientes prazas".

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.