Denuncian que a mina de Touro é "incompatible" coa ruta ciclista que unirá Compostela co norte de Europa

Percorrido do EuroVelo entre Palas de Rei e Compostela © Xunta

A comezos de agosto publicouse a licitación dos traballos de sinalización do treito da ruta ciclista EuroVelo entre Pedrafita do Cebreiro e Santiago de Compostela. O proxecto conta cun orzamento de algo máis de 125 mil eurosEuroVelo, promovida pola Federación Europea de Ciclistas, é unha rede europea de 15 vías ciclistas que percorre o continente, dende o Ártico ao Mediterráneo e dende o Atlántico ata Moscova. Unha delas (a ruta dos peregrinos) parte de Trondheim (Noruega) e remata en Santiago de Compostela, pasando por Oslo, Hamburgo, Colonia, París, Tours, Burdeos, Pamplona e León. Outra ruta (a da Costa Atlántica) pasa tamén moi preto de Galicia, unindo Pamplona con Salamanca e Portugal e percorrendo toda a costa lusa ata Caminha. En total, as vías suman 70.000 quilómetros, dos que 40.000 xa están en funcionamento. 

A ruta está xa completa entre Noruega e Navarra e nos vindeiros meses completarase o treito ata Compostela, incluída a parte galega. unha vez asignado o contrato, o prazo de execución é de cinco meses. En Galicia a vía seguirá o percorrido do Camiño Francés, a través das estradas que discorren preto do itinerario compostelán, atravesando Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, Touro e, finalmente, Santiago, sumando un total de 196 quilómetros. A ruta empregará treitos da N-VI, LU-633, LU-P-5602, LU-P-5709, LU-P-4001, N-547, DP-4603, AC-240 e AC-261.

A Marea de Touro alerta de que o contestado proxecto mineiro a ceo aberto de Atalaya Mining é "incompatible" con esta "oportunidade de desenvolvemento única" para a localidade, pola que pasará a vía. A formación destaca o importante "impacto económico" que tería o paso do EuroVelo polo concello. "Diferentes estudos acreditan o importante retorno económico que supoñen estas rutas nas localidades por onde pasan", sinala. En Marea Touro considera que esta ruta "é unha oportunidade de vitalización económica e social moi interesante para a localidade, unha actividade sostible e duradeira" e apela "á responsabilidade política e social, sobre todo en materia de medio ambiente e conservación do patrimonio". 

A formación reclama unha "aposta clara pola conservación do medio ambiente e do patrimonio, resultando incompatibles as actividades agresivas ao medio coma o proxecto de megaminería actualmente en fase de tramitación". "Se xa actualmente o proxecto de apertura da mina de Touro conta con diversos informes sectoriais preceptivos desfavorables debido ao seu impacto negativo sobre o medio ambiente, agora contraponse á oportunidade socioeconómica que ofrece a EuroVelo3 para Touro", conclúe, instando ao Goberno local a que "abandone a súa connivencia coas agresións ambientais nos terreos mineiros e ao tempo rexeite calquera proxecto de ampliación da mina".

 

Percorrido do EuroVelo entre Palas de Rei e Pedrafita © Xunta
Exemplo das sinalizacións que se instalarán © Xunta
Un dos treitos que formarán parte do EuroVelo, entre Arzúa e Touro © Xunta
A EuroVelo3, entre Trondheim e Santiago © EuroVelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.