Denuncian que o acordo pesqueiro UE-Marrocos esquece o pobo saharauí

Barco pesqueiro do banco sobre o que negocian Marrocos e a UE Dominio Público Praza Pública

A comezos de novembro, os representantes dos 28 estados membros da UE déronlle luz verde a un novo acordo de pesca con Marrocos, que este mércores 27 deberá pasar pola Comisión de Pesca do Parlamento europeo, para a súa definitiva aprobación no plenario o 9 de decembro. Este acordo vén substituír o anterior acordo pesqueiro, cuxa próroga foi anulada en 2011 polo propio Parlamento aducindo que o pacto incluía as augas do Sáhara Occidental sen que a poboación saharaui obtivese beneficios por iso, o que puña en entredito a súa legalidade. 

O acordo, naquel momento e agora tamén, incumpre a doutrina das Nacións Unidas sobre explotación de recursos naturais dun territorio non autónomo, como é o Sáhara. Segundo a ONU, para que a explotación dos recursos dunha colonia sexa legal teñen que concorrer dous requisitos: que o pobo autóctono (o saharaui) dea o seu consentimento, cousa que non aconteceu xa que nin sequera foi consultado, e que a poboación en cuestión sexa beneficiaria da explotación deses recursos.

Hai dous anos, pouco despois de que o Europarlamento anulase a prórroga do acordo, España e Francia presionaron na cámara para a sinatura dun novo acordo, co voto en contra de Suecia e Dinamarca. E nos últimos meses están sendo moi intensas as presións do Goberno español para evitar que algún país ou os parlamentarios boten abaixo o proxecto.

"A celebración deste acordo conlevaría financiar a ocupación bélica ilegal de Marrocos e por tanto a UE sería responsable de realizar un acto contrario ao dereito internacional"

Ducias de entidades sociais de todo o Estado denuncian este acordo pequeiro e están mobilizándose para evitar a súa aprobación. Entre elas Verdegaia, que sinala que "outra vez o estado español volta facer gala do seu talante anti-democrático e de falta de respeto aos dereitos humanos que nos ten acostumados últimamente". A comitiva española, con Carmen Fraga á cabeza, presentou un informe onde aseguraba que o novo texto inclúe unha cláusula específica de dereitos humanos. Verdegaia sinala que isto "non é certo, xa que somente fai unha referencia moi xenérica a este tema e non recolle a posibilidade de que sexa anulado por violacións destes dereitos como si se recollen (aínda que pouco se cumplan) noutros acordos pesqueiros". 

Desde CEAS (Coordinadora Estatal de Asociación Solidarias co Sahara) insístese na necesidade de parar este tratado, xa que Marrocos “non é o administrador do territorio senón unha potencia ocupante no marco dun conflito bélico e o dereito internacional prohibe celebrar este tipo de acordos”. E sinálase que "a celebración deste acordo conlevaría financiar a ocupación bélica ilegal de Marrocos e por tanto a UE sería responsable de realizar un acto contrario ao dereito internacional".

Barco pesqueiro do banco sobre o que negocian Marrocos e a UE Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.