Denuncian que o proxecto de tirolina no Canón do Sil é "incompatible coa preservación dos valores naturais da zona"

Canón do Sil CC-BY Jorge CG

A pasada semana coñeceuse o proxecto de construír unha tirolina dun quilómetro de lonxitude no Canón do Sil, unindo as súas dúas beiras: entre o Mirador do Duque (Monforte de Lemos) e o Mirador de Matacás (Castro Caldelas). A instalación converteríase na segunda máis longa de Europa, só por detrás da existente en Portugal no parque Pena Aventura (Vila Real). O proxecto contaría co apoio de ambos os dous concellos e mais das deputacións provinciais de Ourense e Lugo.

A SGO cualifica de "incongruente" que "as mesmas administracións que apostan polo turismo de calidade pretenden agora facer unha especie de parque de aventura potencialmente incompatible coa preservación dos valores naturais da zona"

Coñecida a noticia, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) manifestou xa a súa "total oposición" ao proxecto, destacando que a tirolina suporía "un impacto paisaxístico e ambiental incompatible coa preservación dos valores ornitolóxicos da área". A SGO cualifica de "incongruente" que "esas mesmas administracións que apostan polo turismo ornitolóxico e de calidade na zona pretenden agora facer unha especie de parque de aventura potencialmente incompatible coa preservación dos valores naturais da zona".

Explica que "a área de actuación está incluída nas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas segundo a normativa da Xunta de Galicia", o que obrigaría á Administración e promotores "a avaliar o impacto deste e outros proxectos sobre as súas poboacións". Entre elas están o Voitre branco, a Gatafornela, a Tartaraña cincenta, a Aguia real e o Bufo real.

A entidade conclúe que a construción da tirolina e as infraestruturas asociadas "podería supor unha grave agresión para paisaxe da contorna, poñendo en perigo a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO"

A entidade conclúe que a construción da tirolina e as infraestruturas asociadas "podería supor unha grave agresión para paisaxe da contorna, poñendo en perigo a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO". Para a Sociedade Galega de Ornitoloxía, "a proliferación de infraestruturas turísticas nos últimos tempos (complexos turísticos ou a maior concentración de miradoiros de Galicia) non está a ter unha repercusión económica significativa na zona de xeito significativo nin na poboación local, ao non formar parte dunha planificación estratéxica que incorpore criterios de rendibilidade social, económica e ambiental".

O Mirador do Duque, nos Canóns do Sil | Amio Cajander | CC BY-SA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.