Denuncian un desvío de dous millóns de euros nas contas da Comunidade de Montes de Cabral

Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende

Os comuneiros opostos á actual xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral reiteran as súas acusacións de falta de "transparencia" nas súas contas e, en concreto, denuncian un desfasamento de máis de dous millóns de euros entre o orzado e os gastos reais nos dous últimos anos. Para explicar estas presuntas irregularidades nas contas (comezando polo feito de que o balance de 2012 non se presentou no remate daquel ano, como correspondía), este grupo convoca os veciños e comuneiros a unha asemblea informativa, que se celebrará este venres ás 20 horas no Centro Cultural da Becerreira.

Na asemblea de comuneiros celebrada o pasado domingo 1 de decembro, as contas dos dous últimos anos foron aprobadas polo presidente Luís Rodríguez, segundo os opositores, "de maneira presuntamente ilegal, a man alzada e facendo caso omiso dunha maioría que indignada pedía explicacións polos máis de tres millóns de euros que están sen xustificar adecuadamente". Para impugnar ese resultado, o sector opositor logrou recoller 276 firmas que supoñen un "non maioritario á aprobación de contas", tendo en conta que había menos de 500 comuneiros naquela asemblea.

As contas aprobáronse, segundo os opositores, "de maneira presuntamente ilegal, a man alzada e facendo caso omiso dunha maioría que indignada pedía explicacións polos máis de tres millóns de euros que están sen xustificar adecuadamente"

Este sector disidente solicitou varias veces ante notario revisar os libros de contas da Comunidade de Montes, o que lles foi denegado, "contas que deberían estar abertas e transparentes a calquera comuneiro", destacan. Indican, así mesmo, que "a Xunta Reitora tivo que aceptar finalmente unha visita destes comuneiros á súa sede, onde finalmente puideron acceder ao libro de contas de maneira superficial, sen permitírselle facer fotocopias, e séndolles ocultados deliberadamente os documentos solicitados de compra de terreos, que son os máis conflitivos". Nesta visita participou tamén un economista perito xudicial que "puido facer un balance xeral das presuntas irregularidades que este sector de comuneiros vén denunciando".

Denuncian que entre xaneiro de 2012 e setembro de 2013 hai un desfasamento orzamentario de 2.077.153 euros (346 millóns de pesetas), sobre todo no capítulo referido á compra de terreos. O grupo opositor ten fundadas sospeitas de que boa parte deste desfasamento se debe á compra de terreos en Liñeiriños (o orzamento para a compra de terreos era de 350 mil euros e o gasto foi de 2,1 millóns de euros). No ano 2008 estaba proxectado un desenvolvemento do polígono de Liñeiriños e unha inmobiliaria comprou uns terreos, pero como o polígono non se desenvolveu, a Xunta tivo que mercarllos, seguramente por un acordo entre eles, denuncian, sumando un pago de 2,3 millóns de euros en dous anos. No pasado a xestión da Comunidade de Montes foi denunciada por certas actuacións ilegais ou irregulares, coma unha permuta de terreos coa empresa Grucave, feito que recentemente foi denunciado no xulgado de Vigo.

O saldo económico da Comunidade de Montes reduciuse dende os 6.636.239 euros cos que contaba o 31 de decembro de 2011 até os 2.992.928 que recoñece na actualidade

En concreto, o desfase é de 705.195 euros en 2012 e de 1.371.958 nos nove primeiros meses de 2013, reducíndose o saldo económico da Comunidade de Montes dende os 6.636.239 euros cos que contaba o 31 de decembro de 2011 até os 2.992.928 que recoñece na actualidade. Ademais das dúbidas existentes sobre a devandita compra de terreos, denúnciase o incremento do gasto en persoal (pasa de 244 mil euros a 347 mil) e na piscina que xestiona a Comunidade (pasa de 99 mil euros a 212 mil), ou o gasto de 10 mil euros en teléfono.

"Imos seguir adiante co proceso xudicial para clarificar a nefasta xestión dos dous últimos anos e estamos convencidos de que aínda que a xustiza vai lenta, finalmente daranos a razón"

Fernando Molares, un dos portavoces do sector opositor, sinala que “isto non é novo, non naceu en 2013 polo tema de Porto Cabral, dende hai anos hai falta de transparencia” e lembra que "a xestión debe aprobarse de maneira transparente e ano por ano", pero "eles aprobaron as contas de dous anos seguidos e con presuntas graves irregularidades". E anuncia que "a pesar de todo o potencial económico con que conta a Xunta Reitora, nós, que xa alcanzamos unha maioría de comuneiros, imos seguir adiante co proceso xudicial para clarificar a nefasta xestión dos dous últimos anos e estamos convencidos de que aínda que a xustiza vai lenta, finalmente daranos a razón". Molares lembra que “nas votación en urna sobre Porto Cabral demostrouse que somos maioría, porque gañamos. Estamos convencidos de que hoxendía nunha votación os que estamos en contra da súa xestión gañaríamos”.

Finalmente, este grupo opositor lembra que "segue sen poder acudir ás asembleas da Comunidade de Montes unha gran parte dos veciños de Cabral

Finalmente, este grupo opositor lembra que "segue sen poder acudir ás asembleas da Comunidade de Montes unha gran parte dos veciños de Cabral: moitos deles son comuneiros que foron expulsados da Comunidade de maneira ilegal e non se lles deixa votar, e moitos outros solicitaron ser comuneiros e non se lles permite pois o censo hai anos que está bloqueado a estas peticións".

O monte de Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende
Protestas no interior do IFEVI Dominio Público Praza Pública
Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.