Denuncian unha "barbaridade urbanística" nunhas obras da Xunta en Xunqueira de Ambía

O banco de pedra foi substituído por unha instalación eléctrica de grandes dimensións Dominio Público Praza Pública

A familia propietaria dunha vivenda na praza Bispo Carrascosa de Xunqueira de Ambía, a poucos metros da Colexiata de Santa María, denuncian que as obras de restauración da contorna -promovidas pola Dirección xeral de Patrimonio Cultural- están a incumprir o proxecto orixinal, provocando a substitución dun banco de pedra por unha aparatosa instalación eléctrica, totalmente inadecuada para o espazo. A casa, de pedra, e de máis dun século de antigüidade, atópase a apenas cinco metros dun fermoso arco que data do século XVI. Denuncian que o proxecto, que se pode consultar na plataforma de contratación da Xunta, prevía unicamente na fachada do inmoble a "recolocación e consolidación" de bancos existentes.

Porén, as obras supuxeron non só a retirada dos bancos, senón a instalación dun cadro eléctrico de gran tamaño (tres por dous metros). Despois de denunciar o sucedido ante o Concello de Xunqueira de Ambía e tamén ante a Garda Civil, nos últimos días a familia comezou a difundir nas redes sociais o que definen como "barbaridade urbanística".

"O noso pai era de Xunqueira de Ambía. 15 anos da nosa vida vivimos alí e despois marchamos a Allariz, a 7 quilómetros de Xunqueira. A semana pasada o meu irmán e a miña nai foron ata a casa e atoparon, pegada á fachada, un bloque de cemento con cables e tubos, onde antes había un banco de pedra", explica Nieves, que xunto co seu irmán Luis e a súa nai están levando o peso das denuncias. "No proxecto de rehabilitación da praza en ningún momento se falaba da colocación dun cadro eléctrico, e moito menos desas medidas", salienta.

“O meu irmán e a miña nai foron ao Concello, falaron coa arquitecta municipal e ela dixo que non sabía nada dese cambio. Presentamos un escrito demandando a paralización da obra”, explica. Porén, denuncia que “o Concello fixo caso omiso” e que nos días seguintes os obreiros continuaron coa instalación do cadro eléctrico, "polo que procedemos a denuncialo ante a Garda Civil, que se presentou e fixo un parte”.

"Cada quen que saque as súas conclusións sobre esta barbaridade, isto é un atropelo en toda regra e queremos que se coñeza o máximo posible, que a xente saiba como a Xunta de Galicia fai as restauracións e pasa os proxectos polo forro", din. "A nós o que nos indigna é que un dedo poida máis que unha lei. Sentímonos aldraxados", conclúen.

 

A polémica actuación está a afectar a un dos recantos máis fermosos da vila © Google Maps
Aspecto anterior da praza © Google Maps
Extracto do proxecto, no que unicamente se prevía a "recolocación e consolidación" de bancos existentes Dominio Público Praza Pública
Outra imaxe actual da praza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.