Denuncian vertidos ao río Gallo, en Cuntis

Imaxe dos vertidos © O Fervedoiro

A asociación O Fervedoiro alerta de que nas últimas xornadas se veñen producindo vertidos contaminantes ao río Gallo, en Cuntis, supostamente realizados por Termas de Cuntis S.L. A entidade avisou a emerxencias e ao lugar acudiron membros de protección civil e tamén unha técnica do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia, quen fixo as súas medicións e tomou mostras. O Fervedoiro sinala que o vertido se produce dentro dunha propiedade de Termas de Cuntis S.L. e pregunta se esta empresa dispón "dunha depuradora propia para que, logo do proceso de baleirado, poida saír a auga termal e outras o máis limpas posíbeis para se introducir nas canalizacións pertinentes" ou se "verten estas augas directamente á rede de saneamento municipal". E tamén demanda do concello explicacións sobre o asunto.

O Fervedoiro describe que o vertido, "residuos de hixiene persoal e un tremendo fedor que, ademais, se mesturaba coas sales propias das augas termais" estaba "empozando no interior da declarada propiedade e, ademais, filtrábase cara ao paseo público que discorre á beira do Río Gallo e, de aí, ao propio cauce fluvial". Tamén sinalan que "persoas vinculadas a Termas de Cuntis estiveron realizando labores de desatoamento da sinalada arqueta, pois nela estaban introducidos bastantes metros dun cable de aceiro para intentar liberar a obstrución". E engaden que "deberon desistir e o vertido continuou, mágoa non teren avisado ao Concello de Cuntis, a Protección Civil…".

Non é a primeira vez que a asociación denuncia vertidos ao río Gallo

Non é a primeira vez que a asociación denuncia vertidos ao río Gallo. En xuño xa alertaron á Garda Civil de que "materiais orgánicos, produtos de hixiene persoal, augas totalmente turbias, restos de toalliñas de limpeza,… enchían o río". E xa nesa ocasión acusaron o Concello de "mirar para outro lado".

Imaxe dos vertidos © O Fervedoiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.