"No caso das mulleres de 16 e 17 anos, o consentimento para a interrupción voluntaria do embarazo correspóndelles exclusivamente a elas de acordo co réxime xeral aplicable ás mulleres maiores de idade. Polo menos un dos representantes legais, pai ou nai, persoas con patria potestade ou titores das mulleres comprendidas nesas idades deberá ser informado da decisión da muller. Prescindirase desta información cando a menor alegue fundadamente que isto lle provocará un conflito grave, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos, ou se produza unha situación de desarraigamento ou desamparo". Este martes o PP levará ao pleno do Congreso a súa proposta para modificar o artigo 14.4 da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010.
O aborto en mozas de 16 e 17 anos representou o 3,6% do total de abortos realizados entre xaneiro e setembro de 2014 e que na maioría dos casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus titores
A súa maioría absoluta permitirá completar esta contrarreforma lexislativa que recorta e limita o dereito das mulleres de 16 e 17 a decidir sobre os seus corpos e que foi interpretada como unha concesión dos populares aos sectores máis ultra da sociedade, molestos pola retirada, no outono, da reforma completa da lei do aborto. Unha reforma que conta cun rexeitamento xeralizado en forzas políticas, entidades sociais e profesionais e que foi cualificada de "innecesaria" pois, entre outras cousas, o aborto en mozas de 16 e 17 anos representou o 3,6% do total de abortos realizados entre xaneiro e setembro de 2014 e que na maioría dos casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus titores.
Coincidindo co debate no Congreso, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto convoca concentracións este martes en Vigo, A Coruña, Compostela, Ferrol e Lugo "para amosar publicamente, e unha vez máis", o seu “total, frontal e absoluto rexeitamento” á modificación deste artigo, “que deixa sen un dereito fundamental, o de decidir sobre os seus corpos e a súa maternidade libremente, ás mulleres máis novas, as de 16 e 17 anos”. A Plataforma salienta que “mentres que, por exemplo, é e será posible que con total liberdade as mulleres de 16 e 17 anos casen, traballen, entren en quirófano para ser sometidas a unha intervención de ciruxía estética ou mesmo teñan capacidade plena para decidir se desexan aceptar ou rexeitar un tratamento de quimioterapia, non poderán decidir sobre a súa maternidade sen consentimento expreso dos seus pais/nais/titores”.
"É e será posible que con total liberdade as mulleres de 16 e 17 anos casen, traballen, entren en quirófano para ser sometidas a unha intervención de ciruxía estética" pero "non poderán decidir sobre a súa maternidade"
A entidade destaca, sobre todo, que a medida afectará "ás mulleres máis vulnerables e en situacións de violencia intrafamiliar, desamparo ou desarraigo", que son as que non tiñan que informar segundo ese artigo 13.4 que agora elimina o PP. De igual xeito a Plataforma lembra que "o aborto de menores sen consentimento paterno, materno ou de titores da menor o ano pasado representou só o 0,44% do total". "Nestes casos as mozas tiñan moi boas razóns para non contalo na casa, ou ben por medo, mesmo medo físico ou porque están seguras de que van a ser obrigadas a ter ese fillo ou filla por razóns de índole relixiosa", di.
Desamparo familiar, familias desestruturadas, proxenitores en prisión, risco de sufrir malos tratos ou posturas abertamente contrarias ao aborto foron algúns dos motivos alegados para non informar
A este respecto, segundo a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) os motivos alegados por estas rapazas (113 no total do Estado) para non ter informado sobre o seu embarazo foron desamparo familiar, familias desestruturadas, proxenitores en prisión, risco de sufrir malos tratos, enfermidade invalidante dos titores, negativa dos titores a acompañalas, ou posturas abertamente contrarias ao aborto. AGAMME conclúe que "podemos aseverar que as condicións nas que esas mozas terían que afrontar a maternidade serían a todas luces precarias, o cal nos leva á conclusión de que o Goberno, no canto de preocuparse por corrixir as situacións de desprotección nas que se atopan as menores de idade opta por sometelas á decisión que os seus titores adopten respecto a esa maternidade".
Convocatorias
A Plataforma anuncia que, xunto con estas concentracións e charlas e entrega de información por centros escolares xa iniciadas estes días, seguirá desenvolvendo accións “contudentes” contra este cambio na lei de 2010 e na Lei de Autonomía do Paciente. As accións de protestas convocadas ata o momento para o martes 14 de abril son:
- Vigo, ás 19 horas, diante do Marco.
- Compostela, ás 20.30 horas, ante a sede do PP.
- A Coruña, ás 19.30 horas, ante a sede do PP.
- Ferrol, ás 20 horas, na praza de Armas.
- Lugo, ás 20 horas, ante a sede do PP