En Galicia, e segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, rexístranse unha media de nove desafiuzamentos ao día. No que vai de ano, e ata o pasado mes de maio, foron 1.370 as familias que quedaron sen casa no país, unha cifra que vai en aumento, tal e como advirten CCOO, UGT e a Rede Galega contra a Pobreza. Un dos últimos casos aconteceu este mércores en Cambre. Un drama que serve para exemplificar a insensatez dunha situación que deixa na rúa a xente con graves problemas económicos tras non poder asumir débedas que incluso poden superar, e con moito, ás que mantiñan inicialmente cos bancos.
Un pai e o seu fillo foron desaloxados da súa vivenda en Cambre. Oito garda civís e o procurador do xulgado presentáronse pola mañá cedo, e sen previo aviso, na casa destas persoas, ambas as dúas en situación de paro de longa duración e subsistindo grazas á axuda mínima da renda familiar. Así o denuncia Stop Desafiuzamentos da Coruña, a través dun dos seus voceiros, Joaquín Díaz.
Oito gardas civís desaloxaron da súa vivenda a un pai e un fillo en situación de paro de longa duración
“Levan dous anos sen pagar a hipoteca e non teñen forma de pagala nin familia que lles poida dar acubillo; quedaron sen teito”, denuncia Díaz, que lembra que o desafiuzamento produciuse sen notificación previa, algo que non cre legal e que as autoridades xustificaron no feito de que pai e fillo avisaran da anterior paralización do desaloxo. “Estaban sós porque ninguén puido ser avisado para deter o desafiuzamento”, lamenta este membro da plataforma coruñesa, que recorda que a familia afectada foi apoiada por diversas asembleas de barrio e que o pai foi detido pola Garda Civil por resistencia á autoridade, aínda que só estivo dúas horas retido no cuartel.
Pai e fillo non puideron facer fronte a unha débeda inicial de 30.000 euros, que era cantidade que lles quedaba por pagar dunha hipoteca inicial de 127.000 euros na que se incluía tamén un coche. “Entre os intereses e as custas, a débeda actual é de 126.000 euros”, advirte Díaz, que repara nunha situación que se repite en moitos dos casos que coñecen. Ao final, e malia ter pagado a maior parte da hipoteca, o afectado acaba debendo o mesmo ou incluso máis que cando asinou o contrato co banco, que súa vez queda coa casa. Agora buscan unha pensión onde poder pasar os días.
Quedábanlles 30.000 euros por pagar da casa, pero entre intereses e custas a débeda ascende agora a 126.000, o prezo inicial da vivenda
Neste caso, a entidade é Deutsche Bank Credit, que tan só ten oficinas en Madrid, o que complicou aínda máis a inútil negociación que a familia de Cambre intentou manter coa devandita entidade. Lamentablemente, e unha vez que o banco queda coa propiedade, “xa non hai solución ningunha”, recoñece Díaz, que advirte de próximos casos en Galicia “aínda máis sangrantes que o de Cambre”.
Ante esta dramática situación que están a sufrir milleiros de persoas en todo o Estado, , CCOO e UGT, a Rede Galega contra a Pobreza e numerosas plataformas en contra dos desafiuzamentos están a chamar á poboación a que colaboren na recollida de sinaturas para presentar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) no Congreso que reclama que se regule a dación en pago e que se paralicen os desafiuzamentos e que se promova o aluguer social.
Precísanse 500.000 sinaturas e a campaña chega agora a Galicia logo de que xa comezase en Cataluña, Castela e León ou Asturias. O prazo de recollida durará até outubro e a colaboración pode chegar a través de formularios, pero tamén por Internet.