Desafiuzamentos dende a gardaría

Aurora Boquete © Ames Novo

Aurora Boquete vive en Bertamiráns (Ames). Cobra 260 euros ao mes como traballadora da limpeza e ten unha filla de dous anos que acode a unha das escolas infantís do concello. En xaneiro viu como o seu soldo era recortado á metade, obrigándoa a solicitar unha axuda social, que lle foi concedida en xuño. De feito foron os propio servizos sociais municipais os que xestionaron a axuda da RISGA. Porén, o mesmo Concello reclámalle agora o pagamento dunha débeda de 165 euros pola matrícula na escola da súa filla dos meses de abril, maio e xuño. De non abonar esta cantidade, da que non dispón, a súa nena terá que abandonar o centro.

A situación resulta aínda máis absurda e incomprensible dado o perfecto coñecemento que dela teñen os servizos sociais do Concello. Non só polas xestións realizadas para o cobro da RISGA, senón por outras anteriores

A situación resulta aínda máis absurda e incomprensible dado o perfecto coñecemento que dela teñen os servizos sociais do Concello. Non só polas xestións realizadas para o cobro da RISGA, senón por outras anteriores: en maio (un dos meses dos que é reclamado o impago) o Concello concedeulle unha axuda de 250 euros para afrontar o aluguer da súa vivenda e evitar o seu desafiuzamento. Ademais, durante todo este tempo comunicoulle tanto á Escola Infantil como aos Servizos sociais a gravidade da situación, pero continuou obrigada a efectuar o pago a risco de que lle expulsasen á filla da Escola. De feito, foi grazas as axudas de Cáritas de Bertamiráns que puido afrontar parte, asumindo os meses de febreiro e marzo. O Concello eximiuna do pago da matrícula no curso 2013-14, pero non nos últimos meses do curso anterior, polo que parece.

"O Concello o único que fai é enviarte a Cáritas. A Cáritas xa sei ir, non fai falla que me mande Servizos Sociais nin o alcalde"

Aurora Boquete sinala que non ten noticias, nin do Concello, nin da Escola, pero destaca a intranquilidade e o malestar que todo isto lle está provocando: "non sei nada, só podo agardar a que decidan resolver esta situación. Mañá podo chegar coa nena á escola e que me digan na porta que non pode pasar". É moi crítica co Concello e co alcalde: "o Concello o único que fai é enviarte a Cáritas. A Cáritas xa sei ir, non fai falla que me mande Servizos Sociais nin o alcalde".

Está recibindo o apoio e o asesoramento da agrupación política Ames Novo, que sinala que "esta cidadá esgotou todos os prazos posibles e Ames Novo sinalou as vías factibles para solucionalo, unha simple proposta do goberno na Comisión da Escola avalando condonar a débeda a través dundecreto da alcaldía sería suficiente. Ou de non ser así os Servizos sociais deberán actuar de novo e facerse cargo do pago de dita débeda de 165,6€, tal e como xa fixo no caso do aluguer de maio de 2013 cunha Axuda de Emerxencia social de carácter urxente".

Ames Novo quere "chamar a atención sobre un problema que pode pasarlle a calquera, e no que o goberno en vez de protexer e axudar envía cartas ameazando con deixarlle a nena na rúa. Isto é un desafiuzamento infantil en toda regra”

Pilar Candocia, portavoz de Ames Novo, manifesta que “o goberno demostra unha insensibilidade extrema, que unha familia con graves dificultades económicas se vexa acosada polo propio Concello que debería protexela dá conta dos gobernantes temos. É unha Escola municipal e o alcalde, se quere, pode eximila do pago. Sabiamos que eran incapaces pero non pensamos que chegasen a este nivel de crueldade". Candocia engade que “Ames Novo non vai deixar tirada a esta familia, vai facer unha campaña para recoller fondos para pagar esta débeda, pero tamén para chamar a atención sobre un problema que pode pasarlle a calquera, e no que o goberno en vez de protexer e axudar envía cartas ameazando con deixarlle a nena na rúa. Isto é un desafiuzamento infantil en toda regra”.

Aurora Boquete © Ames Novo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.