Desestiman un recurso contra unha multa que alegaba que o sinal estaba "só en galego"

Sinal de tráfico en Pontevedra © pontevedra.eu

Que un sinal de prohibido aparcar estea rotulado unicamente en galego non exime do cumprimento desta indicación nin do, chegado o caso, pago da multa correspondente se se cometeu unha infracción. Así o deixa claro unha sentenza, moi rotunda, do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Ourense. 

En febreiro de 2013 un condutor, G.M.R.I., foi multado con 200 euros por ter estacionado o seu vehículo nunha zona limitada a carga e descarga. Porén, o infractor, malia recoñecer que efectivamente aparcara nese lugar na hora na que non estaba permitido facelo, recorreu a sanción alegando que o sinal se podía ler unicamente en galego e baseándose en que no artigo 56 da Lei de tráfico e no Regulamento xeral de circulación, afírmase que as indicacións escritas incluídas nos paneis de sinalización das vías públicas deben figurar en todo caso no idioma castelán. Ademais, facía referencia a varias sentenzas que, en situacións semellantes, lles deron a razón aos infractores, coma a que se fallou hai uns meses en Pontevedra.

Hai meses en Pontevedra a xuíza recoñeceu que era "dificilmente crible" que o demandante non entendese o sinal, pero mesmo así fallou ao seu favor. Non foi o caso en Ourense

Daquela a xuíza recoñeceu que era "dificilmente crible" que o demandante non entendese o sinal, pero mesmo así fallou ao seu favor. Non foi o caso en Ourense. O Concello destacou que o infractor é galego, nacido en Ourense, cidade na que reside dende hai máis de quince anos, e que ademais da indicacións textual: "Laborábeis: de 07:00 h a 13:00 h e de 15:30 h a 18:30 h. Sábados: de 07:00 h a 11:30 h. Agás carga e descarga", a prohibición de estacionamento reflectíase noutro sinal horizontal complementario –liña amarela na calzada-, "linguaxe gráfica universal de obrigado coñecemento para todos os condutores". 

O xuíz indicou que só "dende posicións absolutas ou maximalistas" se pode interpretar que o feito de que un sinal de tráfico non estea en castelán pode eximir do cumprimento das súas indicacións

O xuíz indicou que só "dende posicións absolutas ou maximalistas" se pode interpretar que o feito de que un sinal de tráfico non estea en castelán pode eximir do cumprimento das súas indicacións. A sentenza acepta que o regulamento de Tráfico indica que os sinais deben rotularse en castelán, pero considera que o feito de que estivese só en galego é un "defecto de forma", e "como tal vicio formal só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanza-lo seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados". 

A sentenza tamén lembra que o texto estaba acompañado "do símbolo internacional de prohibido estacionamento (círculo vermello sobre fondo azul escuro con dúas liñas cruzadas tamén vermellas)", que os límites horarios estaban escritos con números, e que "a indicación laborábeis, que se traduce en castelán por laborables, resulta intelixible incluso para un foráneo que nunca antes tivese estado en Galicia". Engade que "a última frase do rótulo agás carga e descarga refírese a unha excepción da prohibición, facilmente deducible no contexto do sinal, excepción que non afecta ao recorrente".

"A indicación laborábeis, que se traduce en castelán por laborables, resulta intelixible incluso para un foráneo que nunca antes tivese estado en Galicia"

O xuíz tamén lembra que o infractor "leva anos que leva conducindo en Ourense" e que o propio recorrente recoñeceu "que cursou e superou a materia de galego na súa etapa formativa, e que entende o galego falado, aínda que se expresa habitualmente en castelán". Con todo isto, sinala que "queda clara a súa responsabilidade pola simple inobservancia da restrición de estacionamento".

Sinal de tráfico en Pontevedra © pontevedra.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.