Desobediencia solar contra o oligopolio eléctrico

Dominio Público Ecooo

Xosé Veiras explica en Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade de Praza, o proxecto da empresa Ecooo, que permite para case todo o mundo converterse en (micro)produtor/a de electricidade renovable

Cun capital de tan só 100 euros calquera de nós pode converterse en titular e copropietari@ dunha instalación solar fotovoltaica. É un proxecto da empresa Ecooo que torna posíbel para case todo o mundo converterse en (micro)produtor/a de electricidade renovábel, practicando a “desobediencia solar”. Algo que non gusta nada nin ás grandes eléctricas nin ao Goberno.

Ecooo posibilitaba anteriormente ser copropietari@ dunha instalación solar fotovoltaica cun investimento mínimo de 1.000 euros, mais agora tamén é posíbel incluso con só 100 euros

Ecooo, unha das animadoras da Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, chama a apoiar o seu proxecto Desobediencia solar para nos “liberarmos das grandes corporacións que deciden por nós e apostarmos por un modelo democrático, independente, cidadán, baseado en enerxías limpas e renovábeis”. Ecooo posibilitaba anteriormente ser copropietari@ dunha instalación solar fotovoltaica cun investimento mínimo de 1.000 euros, mais agora tamén é posíbel incluso con só 100 euros. O obxecto do proxecto Desobediencia solar é unha pequena planta fotovoltaica de 20 kW situada sobre a coberta dun ximnasio en Puçol (Valencia). Ecooo xestiona xa como administradora 43 pequenas plantas fotovoltaicas comunitarias sobre tellados.

O Goberno pretende gravar cunha peaxe desincentivadora o autoconsumo instantáneo e non contempla polo de agora a modalidade de autoconsumo con balanzo neto

Desobediencia solar é unha nova opción ao noso alcance para nos desvencellarmos dun sistema eléctrico centralizado e contaminante en mans das cinco grandes eléctricas agrupadas en UNESA. Unha posibilidade que se suma á de se facer soci@ dunha cooperativa de produción e comercialización de enerxía renovábel, como Som Energia. Ou á máis complicada de se facer produtor/a para o autoconsumo, alternativa favorecida polo descenso nun 80% do custo dos paneis fotovoltaicos nos últimos cinco anos, mais dificultada polo Goberno, que pretende gravar cunha peaxe desincentivadora o autoconsumo instantáneo e non contempla polo de agora a modalidade de autoconsumo con balanzo neto, que permitiría almacenar a produción escedente na rede eléctrica para utilizala cando se necesite e non haxa produción. A Unión Española Fotovoltaica (UEF) denuncia que “as peaxes esixidas implican que será máis caro o autoconsumo solar que o subministro convencional”. A proposta do Goberno “pecha a porta á entrada de nova competencia no mercado eléctrico pola vía do autoconsumo e a xeración distribuída”.

Ecooo acha que nada vai mudar se non o fai a cidadanía e que cómpre actuar agora. “Porque a mudanza climática non pode agardar. E porque existe outra forma de producirmos e consumirmos enerxía”. Na páxina do proxecto explícanse os sinxelos pasos a seguir para ser desobediente solar.

Dominio Público Ecooo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.