Despedido do bispado tras esixir dereitos laborais

Sede do bispado de Ourense © Bispado de Ourense

Manuel -nome figurado- é salvadoreño. "Ameazado" no seu país, decidiu pedirlle asilo ao Estado español, que llo denegou. Así e todo, no ano 2008 logrou un posto de traballo en Ourense, onde foi contratado como conserxe da casa sacerdotal, unha residencia habitada maioritariamente por cregos de avanzada idade, dependente do bispado. Asinou un contrato laboral e recibiu instrucións "sobre o que tiña que facer", a comezar por "durmir alí" e a seguir por tarefas detalladas case hora a hora, "dende as sete e media da mañá, para agardar polo pan" e "ata as once da noite", unha xornada laboral de "13 ou 14 horas diarias" cun breve descanso a mediodía. Só se detiña "das catro da tarde do sábado ás nove da noite do domingo", todo a cambio do "soldo mínimo" e sen maiores problemas ata que o traballador contrastou a súa situación "coas leis de aquí, das que sabía e sei moi pouco", un contraste que lle valeu o despedimento, relata.

"Estiven así durante catro anos, ata que a miña familia e os meus amigos me preguntaron por que tiña períodos de traballo tan longos", explica Manuel, en conversa con Praza Pública. "Un día xente de aquí, de Galicia, pediume o contrato" e advertiuno de que "non tiña por que durmir nesa casa" e de que a súa xornada era "de 40 horas semanais", a correspondente co seu salario, e en ningún caso "contemplaba nocturnidade". Coa información na man, o traballador decidiu facer valer os seus dereitos, a comezar por "deixar de durmir alí". "O meu xefe", o director do centro, "decatouse e fíxome prometer que ía seguir durmindo alí, eu negueime porque o meu contrato non o dicía e iso -advertiuno- era denunciable". Daquela, os "pequenos signos de xenofobia" e intolerancia que Manuel advertira durante catro anos nos que o chamaban "negro, estranxeiro e cousas desas" comezaron a multiplicarse.

"Eu non podía seguir traballando 80 horas cun soldo de 40"

"Seguín traballando as mesmas horas, até as once da noite" e cumprindo, coma sempre, cos seus múltiples labores: "recoller o pan, trasladar mercadorías dunha adega ata a cociña, levar os enfermos ao médico, xestionar o control dos medicamentos, facer a limpeza de todo un andar, cambiar a algúns residentes que tiñan que usar cueiros...", detalla. Tras a primeira protesta polo exceso de horas a este traballo engadíronse outras funcións, como "limpar tirado no chan e a man".

O despedimento baseouse en comentarios de Facebook

Neste escenario "houbo dúas ou tres veces que quedei durmido, porque o corpo chega un momento que non dá para máis", ilustra. Nese momento "o xefe púxome unha sanción e eu animeime a poñer unha denuncia para que a Inspección de Traballo revisase as miñas horas, porque eu non podía seguir traballando 80 horas cun soldo de 40". "Aos dous ou tres días de poñer a denuncia deixáronme unha carta na portaría" do edificio, "ameazándome e dicíndome que deixase o traballo". Apenas unha semana despois Manuel recibía outra carta, a de despedimento, na que non se alegaba nada referente ao seu labor na residencia, senón "usando a base de que se meteran no meu Facebook", no que ten o perfil pechado, e viran "comentarios que eu fixera sobre cuestións relixiosas". Dende o momento da contratación "sabían que eu non son católico" e estes comentarios eran "xerais, sobre a Igrexa católica, sen mencionar a diocese de Ourense nin a ningunha das persoas que alí traballan", como "quen di que os políticos son corruptos", exemplifica.

Proceso xudicial

Co despedimento disciplinario na man Manuel aínda tivo que aturar "o sermón" dun dos dirixentes do bispado: "dicíame que era unha barbaridade, que como me atrevera a dicir iso" e, ao tempo, dando "por feito que, como eu era estranxeiro, me conviña estar nun lugar no que me desen teito e comida, para aforrar". Segundo este sacerdote, relata, "os estranxeiros veñen a iso" e, se ben "non tiña por que ter feito" tantas horas, "tiña tempo libre e se as fixen, foi porque quixen", argumentáronlle. Deste xeito, o bispado négase non só a indemnizar a Manuel, dado que foi despedido disciplinariamente, senón tamén a compensalo polas horas extras impagadas.

"Fixéronme sentir como un escravo"

Xa co asesoramento da CIG, Manuel tentou negociar sen éxito a compensación económica e viuse abocado a un procedemento xudicial no que aínda se atopa inmerso. Tras "facerme sentir como un escravo" agora "estanme a chamar para que desista da demanda, dinme que, de todos os xeitos, vou saír perdendo porque eles teñen a razón". Dende o sindicato ratifican tamén a versión do traballador: "segue recibindo chamadas con ameazas, recordándolle que é estranxeiro e que poden influír cara á consecución dun novo traballo". "Denunciamos a actitude da diocese xa non como empresa, senón polo carácter social que debería ter; predican unha cousa e despois fan outra, ameazando a xente, vendéndolle favores e tratándoa como unha miserable", resumen.

Sede do bispado de Ourense © Bispado de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.