Destruír un espazo da Rede Natura con fondos europeos destinados a protexelo?

O río Tea ao seu paso por Ribadetea CC-BY-SA Elisardojm

O grupo ecoloxista Adenco (Asociación para a Defensa da Natureza do Condado) vén de denunciar ante a Unión Europea os gobernos español e galego e tamén os concellos de Mondariz e Ponteareas polas obras realizadas nas beiras do río Tea, con sucesivos paseos fluviais "que alteraron o ecosistema e prexudicaron aos hábitats que fixeron posible que este espazo forme parte da Rede Natura 2000".

Na denuncia, os ecoloxistas sinalan que se realizaron unha serie de actuacións dentro do LIC Río Tea, con fondos europeos, que contradín os obxectivos previstos e para os que foron destinados eses fondos. Afirman que "paradoxalmente Europa contribúe, seguramente sen coñecelo, a destruír a Rede Natura 2000 co financiamento con fondos comunitarios, fondos FEDER, destas obras que suman centos de miles de euros".

"Paradoxalmente Europa contribúe a destruír a Rede Natura 2000 co financiamento con fondos comunitarios, fondos FEDER, destas obras que suman centos de miles de euros"

Adenco enumera na súa denuncia as diferentes normativas vulneradas, numerosas directivas comunitarias, entre as que están as que protexen os hábitats que deron lugar á creación da Rede Natura 2000 e outras que protexen o Patrimonio Cultural, "pois as obras" -sinalan- "ademais de afectar o espazo físico tamén destruíron parte do Castro da Croa en Ribadetea". Ademais, Adenco considera que o procedemento administrativo está "cheo de vicios, deficiencias e escurantismo, coa única finalidade de confundir e esquivar a normativa de avaliación de impacto ambiental", cuestión que tamén se denuncia.

Por último, o colectivo considera "clara" a afección a hábitats protexidos dentro da Rede Natura 2000, algúns prioritarios, e a afección "evidente" a diferentes especies, animais e vexetais, algunhas en perigo de extinción e outras en clara recesión.

O río Tea ao seu paso por Ribadetea CC-BY-SA Elisardojm
Presentación da denuncia © Adenco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.