Dez voces galegas "por unha democracia radical"

Capa do libro CC-BY-NC Estaleiro Editora

Estaleiro Editora presenta Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção, unha compilación de textos de Antom Santos, José Ángel Brandariz, Miguel Fernández, Francisco Sampedro ou David Rodríguez, que quere ser "un acto de afirmación colectiva e unha ferramenta de pensamento e acción para a sociedade galega". Preséntase este sábado 2 en Vigo, na Asociación Cultural Bou Eva, a partir das oito e media da tarde.

Os dez artigos que compoñen o libro correspóndense, na sua maior parte, coas palestras das II Jornadas de Edição independente, organizadas polas editoras Estaleiro e Corsárias no mes de marzo de 2011. Naquelas xornadas, o obxectivo das editoras era atopar alternativas à “xestión da barbarie”, contribuíndo á difusión dun pensamento alternativo, crítico coas situacións privación política, cultural e linguística en Galicia. Por uma democracia radical é un libro de denuncia e de reivindicacións sociais e políticas, constitúe non só unha chamada á resistencia, senón que o libro pretende ser, tamén, un acto de afirmación colectiva e unha ferramenta de pensamento e acción para a sociedade galega.

Preséntase este sábado 2 en Vigo, na Asociación Cultural Bou Eva, a partir das oito e media da tarde

Os dez textos que se atopan no libro son O estado de Exceçom e nós (Antom Santos, Escola Popular Galega), A restrição dos direitos civis na ofensiva ultraliberal (Sandra Garrido, PreSOS), A restrição dos direitos e liberdades no Estado de exceção (Borxa Colmenero Ferreiro), O Estado de exceção como regra de estado (Rui Pereira), A (conflituosa) normalizaçom do Estado de exceçom (José Ángel Brandariz Garcia), Os dereitos da poboación inmigrante na Galiza (Miguel Fernández Blanco, Foro Galego da Inmigración), O coñecemento para a transformación social (Tareixa Ledo Regal, SLG), Três perguntas e uma fotografia a médio prazo para a nossa língua (Valentim R. Fagim, AGAL), Sobre o concepto de proletariado (Francisco Sampedro) e Crise capitalista, hexemonía e futuro da esquerda (David Rodríguez).

Constitúe non só unha chamada á resistencia, senón que o libro pretende ser, tamén, un acto de afirmación colectiva e unha ferramenta de pensamento e acción para a sociedade galega

En palabras da propia editora, "neste lugar do mundo chamado Galiza existe um contramovimento nacional e global, um cosmopolitismo subalterno, um movimento de resistência contra o deserto. Cada dia som levantados novos diques. Em cada bairro, em cada vila, há dúzias de grupos e são realizadas centos de ações de resistência, de afirmação e de construção de um mundo mais justo, de um mundo melhor para as de abaixo, de uma democracia radical. Este livro é uma pequena amostra dessa força coletiva, onde convivem praxe e teoria".

Capa do libro CC-BY-NC Estaleiro Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.