Dicir que un político non fai "nada de nada", 5.000 euros de multa

O artigo foi publicado na edición ourensá de La Voz de Galicia en outubro do pasado ano Dominio Público Praza Pública

O 4 de outubro de 2015 o xornalista José Manuel Rubín publicou na edición Ourense de La Voz de Galicia un artigo de opinión titulado Carta abierta a Miguel Pérez de Juan, no que afirmaba sobre o daquela senador do PP que "hoy sabemos que en cuatro años no hiciste ni una pregunta, ni una interpelación, ni nada de nada en el Senado. Cobrar y callar". O artigo facía referencia a unha información, publicada no xornal tres días antes, na que se daba conta de que o político se "autodescartaba" como candidato a senador para a vindeira lexislatura e na que se dicía que Pérez de Juan "nos últimos catro anos tomou a palabra nunha soa ocasión e formulou 19 preguntas por escrito ao Goberno".

O ex senador presentou unha demanda en base a unha suposta perda de clientes na clínica privada que posúe en cidade motivada pola publicación do artigo

O ex senador presentou unha demanda contra o xornalista e a cabeceira por "intromisión no seu honor" e solicitando unha indemnización de 50.000 euros en base a unha suposta perda de clientes na clínica privada que posúe en cidade motivada pola publicación do artigo. O Xulgado de Instrución número 5 de Ourense vén de ditar sentenza, condenando a Rubín e a La Voz de Galicia por un delito de intromisión ilexítima no dereito ao honor e fixando unha compensación de 5.000 euros en favor de Pérez de Juan. A sentenza foi xa recorrida.

A xuíza sinala na sentenza que "a expresión nada de nada crea un efecto despectivo, pois dá lugar aínda a máis crítica por parte do público"

A xuíza Ana María Gómez Bande sinala na sentenza que "a expresión nada de nada crea un efecto despectivo, pois dá lugar aínda a máis crítica por parte do público". A pesar de que recoñece a maior exposición á critica das persoas públicas ("e Pérez de Juan non só foi un político senón que foi e é un recoñecidísimo cardiólogo e persoa pública da sociedade ourensá"), fundamenta a condena en que neste caso prevalece o dereito ao honor sobre a liberdade de expresión pois "quen desempeña un cargo público, ou ten unha relevancia pública por outra razón, non queda completamente desposuído dos seus dereitos"  e que "o emprego reiterado e prolongado no tempo de insultos e expresións vexatorias, desconectadas da crítica política que se quere realizar polo medio xornalístico e innecesarias para realizala, non cumpre a función constitucionalmente outorgada á liberdade de expresión, polo que non pode xustificar a preponderancia da liberdade de expresión sobre o dereito á honra".

A sentenza fundamenta a condena en que neste caso prevalece o dereito ao honor sobre a liberdade de expresión

A maxistrada parte dunha sentenza recente na que o Tribunal Supremo confirma a condena contra o xornal El Día por un delito de intromisión ilexítima no honor de Paulino Rivero mentres este foi presidente de Canarias. Esa sentenza sinala que "a protección do dereito ao honor debe prevalecer fronte á liberdade de expresión cando se empregan frases e expresións ultraxantes ou ofensivas, sen relación coas ideas ou opinións que se expoñan, e por tanto, innecesarias a este propósito". E aínda que admitía que o uso por parte do xornal en varios editoriais dos cualificativos "traidor", "antipatriota", "dictadorzuelo" ou "incompetente" entra dentro da súa liberdade de expresión, sinalaba que "outras expresións", como "anano", "incapaz cerebral", "fillo de puta", "idiota", "analfabeto", superaran ese "ámbito da liberdade de expresión que resulta constitucionalmente amparado".

A maxistrada toma como base as sentenzas contra o xornal canario El Día por insultar reiteradamente ao ex-presidente autonómico Paulino Rivero

A sentenza sobre o artigo de Rubín compara un e outro caso e aínda que admite o resto das críticas presentes no texto ("non creo que Ourense chore por ti. Nunca se te viu implicado nos seus múltiples problemas. A política valeuche, como antes Cáritas, para servirte" ou "cobrar da política e cobrar da túa clínica privada, na que seguiches exercendo de cardiólogo sen ningún reparo ético nin moral. Agora volverás á sanidade pública e seguirás na privada. O exemplo que nos legas é como ser servidor ou empregado público para sacar tallada persoal"), non o fai coa frase "hoxe sabemos que en catro anos non fixeches nin unha pregunta, nin unha interpelación, nin nada de nada no Senado".

No xuízo, o xornalista matizou que coa expresión nada de nada se refería á súa actividade en relación con Ourense, sinalando que o senador si tivera importantes intervencións no ámbito pesqueiro fluvial. Na sentenza, a maxistrada enumera a actividade do político na Cámara alta (presidente da Comisión de Asuntos Iberoamericanos, participación na Delegación Española no X Foro Parlamentario Iberoamericano...) e conclúe que "evidentemente si fixo algo, polo que o Sr. Rubín puido matizar a súa expresión, se o que quería é como di agora referirse a que pola cidade de Ourense non fixo nada, pero non foi o caso e a vulneración produciuse".

A sentenza enumera a actividade do político na Cámara alta e conclúe que "evidentemente si fixo algo, polo que o Sr. Rubín puido matizar a súa expresión"

Finalmente, a xuíza rebaixa a indemnización solicitada -de 50.000 a 5.000 euros- , pois sinala que Pérez de Juan "non acreditou os pacientes que por mor desta publicación deixaron de acudir á súa clínica, e máxime se temos en conta que durante os 8 anos que estivo de senador viaxaba a Madrid todas as semanas como manifesta a súa secretaria e só consultaba un día á semana".

 

O artigo foi publicado na edición ourensá de La Voz de Galicia en outubro do pasado ano Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.