O proxecto Do Des-Equilibrio aos soños compartidos é unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática, que aspira a desenvolver unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través dunha acción teatral
O Local Social pontevedrés do Gorgullón acolle desde o pasado mes de novembro as xornadas de traballo do proxecto Do Desequilibrio aos Soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles. Dende entón, un grupo interxeracional de 12 persoas estivo traballando ao redor da emerxencia climática e "a necesidade de elaborar relatos utópicos para inspirar o necesario cambio cultural que esixe a crise ecosocial".
O proxecto Do Des-Equilibrio aos soños compartidos é unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática, que aspira a desenvolver unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través dunha acción teatral. Búscase deste xeito xerar escenarios desexables que sirvan de inspiración para o necesario cambio cultural que esixen os retos ambientais presentes.
O proxecto terá como peche as xornadas de Pontevedra Utópica. Do Desequilibrio aos soños compartidos, que se desenvolverán entre o 27 e o 29 de abril. Nelas participarán a cantautora Sés, a arquitecta Cristina Botana, a escritora María Reimóndez e a enxeñeira informática Laura M. Castro
A proposta nace da colaboración entre a cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde, o grupo Chévere e o equipo do Proxecto RESCLIMA, do Grupo de Investigación en Educación Ambiental e Pedagoxía Social (SEPA), da Universidade de Santiago de Compostela. Na iniciativa colaboran tamén os concellos de Ames e Padrón, ademais do de Pontevedra e, así mesmo, a Fundación Daniel e Nina Carasso.
O proxecto terá como peche as xornadas de Pontevedra Utópica. Do Desequilibrio aos soños compartidos, que se desenvolverán entre o 27 e o 29 de abril. Nelas participarán a cantautora Sés, a arquitecta Cristina Botana, a escritora María Reimóndez e a enxeñeira informática Laura M. Castro. Ademais, representarase a obra As Fillas Bravas e o Mito de Casandra. As actividades das xornadas levaranse ao cabo no Convento de Santa Clara os días 27 e 28 de abril, e na Praza da Curtidoira, o día 29 de abril. As xornadas contan co cofinanciamento do Concello de Pontevedra e a colaboración da Deputación e o Museo de Pontevedra para a cesión do espazo de Santa Clara.
Exposición nos centros sociais de Pontevedra
O Xardín Utopía desenvolvido en Padrón pretendía reivindicar "a nosa capacidade de imaxinar futuros mellores e desexables, nun momento no que a distopía imponse como pensamento único"
Como anticipo ás xornadas que se celebrarán en Pontevedra, do 27 de marzo ao 30 de abril catro centros sociais da cidade acollen a exposición Xardín Utopía, realizada cos materiais producidos na intervención sonora colaborativa que se presentou o 8 de maio de 2022 no Xardín Botánico-Artístico de Padrón. Nesta intervención do Grupo Chévere, a través de códigos QR colocados ao pé dalgunhas árbores foi posible descargar as mensaxes de voz que as persoas participantes no obradoiro deixaron sobre os seus desexos persoais de futuro, as súas utopías. Esta acción pretendía reivindicar "a nosa capacidade de imaxinar futuros mellores e desexables, nun momento no que a distopía imponse como pensamento único".
A mostra puido visitarse no Centro Este (Praza Da Citara, 1) na semana do 27 de marzo ao 2 de abril; e estará no Centro Social do Burgo (Av. da Coruña, 62) na semana do 10 ao 16 de abril e no Centro Social Gorgullón (Rúa Curtidoira, 1) na semana do 17 ao 30 de abril.
O Xardín Utopía de Padrón
Aquel 8 de maio de 2022 Chévere propuxo un paseo polo Xardín Botánico de Padrón, "un paseo distinto do habitual porque invitamos ás persoas paseantes a establecer unha relación entre as árbores do parque e as utopías". A compañía destaca que escolleu este xardín "porque se trata dun espazo singular e un espazo común, que se conservou durante máis de 150 anos" e, polo tanto, "representa un legado que cada xeración traspasa á seguinte no mellor estado posible e funciona como metáfora do planeta, pois suma especies de distintos lugares do mundo".
Ese domingo ao longo de todo o día, a xente que se achegou ao Xardín Botánico puido escoitar as mensaxes de voz que as persoas participantes no obradoiro (un grupo de 2º bacharelato do IES Camilo Joé Cela e un grupo sénior de Voluntariado Padrón) deixaron á sombra das árbores que escolleron. Unhas eran desexos de futuro persoais, outras textos sacados do libro “Utopía” de Tomás Moro.