Domitila, María Elvira, Encarnación: Acusadas preferentes

Domitila Vicente Franco © GZVideos

"Resulta que o día 3 de xuño me meteron ás 12.15 dúas multas á mesma hora, dicindo que eu quería alterar a orde pública, que quería subir as vallas do Rosal, cando eu por desgraza ando cun andador". Domitila Vicente Franco, de 82 anos de idade, será xulgada este martes en Pontevedra, acusada de alteración da orde pública. É unha das moitas afectadas polas preferentes que nos últimos tempos foron acusadas deste e doutros delitos supostamente cometidos durante as reiteradas protestas en demanda de devolución íntegra dos seus cartos, a ás que agora se lles esixen multas desorbitadas. 

GZVideos iniciou hai uns días a a publicación de testemuños gravados en vídeo a algunhas destas persoas, nos que proclaman a súa inocencia. "Eu ía defender o que era meu. Eu non alterei a ninguén nin peguei a ninguén" -di Domitila- "ao contrario, foron eles os que me deron a min un puñetazo no peito". Ademais, en solidariedade con esta muller a Plataforma do Baixo Miño convoca unha concentración este martes ás 10 da mañá diante do tribunal do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, na rúa Germán Adrio, 4.

"Ao tempo que a problemática das preferentes desapareceu dos principais medios, existen, porén, numerosos procesos xudiciais abertos contra as activistas, moitas delas persoas de máis de 70 anos, por supostas infraccións administrativas que nunca cometeron", destacan dende a Plataforma, que sinala que o importe total das multas supera os 20 mil euros.

Noutro dos vídeos publicados podemos escoitar a María Elvira Viñas, de 78 anos, a quen se lle piden 600 euros por unha serie de delitos supostamente cometidos nunha protestas ás portas da Casa do Concello de Tui. Ou Encarnación Santos, de 72 anos, multada por facer ruído nunha manifestación cunha eixada e uns ferriños e negarse a entregarllos a un axente da Garda Civil que llos requiriu sen darlle maiores explicacións.

Domitila Vicente Franco © GZVideos
Encarnación Santos Dominio Público Praza Pública
María Elvira Viñas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.