'Dousmildoce sobre rodas' busca estimular o uso da bicicleta na Coruña

Posta en común tras os seminarios do sábado Dominio Público Praza Pública

Na semana en que se celebra o Día Mundial sen Coches, a cidade da Coruña acolle as xornadas Dousmildoce sobrerodas, que pretenden estimular a mobilidade sustentable a través do uso da bicicleta e da convivencia entre todos os tipos de desprazamentos urbanos. Na sesión do sábado, houbo tres mesas-redondas (sobre seguridade viaria, promoción da mobilidade non motorizada e servizo público) e neste domingo celebraranse obradoiros abertos ao público, exhibicións e unha marcha cicloturista polo centro histórico, entre outras actividades.

Ao longo da xornada do sábado, debatéronse e puxéronse en común propostas para mellorar a mobilidade na cidade

No encontro participan membros da Masa Crítica Galega e de diversos colectivos comprometidos coa sustentabilidade, xunto a expertos en urbanismo e representantes de BiciCoruña, o servizo municipal de empréstimo de bicicletas. Ao longo da xornada do sábado, debatéronse e puxéronse en común propostas para mellorar a mobilidade na cidade, con especial atención ás experiencias que xa existen noutras cidades españolas e europeas que poden servir de modelo. O establecemento dun censo de bicicletas, a necesidade de facer respectar as normas de tráfico, a análise das actuacións urbanísticas máis recentes, a reivindicación da peonalización do centro histórico ou a conveniencia de integración entre os diferentes servizos municipais da comarca foron algunhas das cuestións abordadas e que serán transmitidas ás autoridades locais.

Segundo os intervinientes, a pesar de persistir a falta de estruturas da cidade para o uso das bicicletas, a situación ten mellorado substancialmente ao largo dos últimos anos

Segundo os interveniente, a pesar de persistir a falta de estruturas da cidade para o uso das bicicletas, a situación ten mellorado substancialmente ao largo dos últimos anos. A isto contribúe, sen dúbida, o éxito do servizo BiciCoruña, que segundo o seu responsable, Benito Touriño, conta con 2.700 usuarios habituais e aumentou de 50.000 a 150.000 usos anuais desde que foi inaugurado en xullo de 2009. A iso hai que unir a crecente aceptación das marchas ciclistas convocadas mensualmente pola Masa Crítica Galega, colectivo que tamén ofrece un servizo gratuito de reparación de bicicletas, e sobre todo a extensión do seu uso entre particulares non só para facer exercicio deportivo senón como medio de transporte. E como as bicicletas non son só para o verán, este primeiro domingo de outono pode ser un bo momento para achegarse a Palexco e coñecer algo máis sobre o mundo da bicicleta como medio de transporte urbano sustentable ecolóxica e economicamente.

Posta en común tras os seminarios do sábado Dominio Público Praza Pública
Participantes na xornada durante a posta en común tras os debates do sábado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.