Dúas das praias máis agredidas do Estado, en Galicia

Praia de Sabón, co porto exterior da Coruña ao fondo CC-BY José Losada

Greenpeace España publicou na súa web unha lista coas nove "peores praias" do Estado. Máis que dunha peneira exhaustiva dos peores areais españois, en función duns determinados parámetros, trátase dunha denuncia dos efectos prexudiciais que sobre a costa teñen a urbanización masiva, a construción de grandes infraestruturas ou a contaminación. Sobre todo, a entidade ecoloxista quere sinalar con este texto as consecuencias que pode ter a nova Lei de Costas, máis permisiva con este tipo de agresións.

Entre estes areais hai dous galegos: a praia de Sabón -afectada pola construción do porto exterior da Coruña-, e a praia de Praceres -prexudicada por ENCE-. Ademais, cítanse a praia do Algarrobico (Almería), a illa de Ibiza, os macrochiringuitos das praias de Alacante, as marismas do río Tinto (Huelva), a Punta do Cascajo, en Tazacorte (La Palma) -onde se construíu un macrodique de 90 millóns de euros sen case uso-, a praia de Muskiz (Biscaia) prexudicada pola refinería de Petronor, ou a Baía de Algeciras (Cádiz). A entidade denuncia a "urbanización masiva" do litoral, o "desbalde de cartos públicos", a "contaminación das augas", o "modelo insostible", o "ruído" ou a destrución das súas dunas ou corais".

Sobre a praia de Praceres, en Pontevedra, "ou o que queda dela", destaca Greenpeace, construíuse parte do complexo industrial de Lourizán, onde se sitúan Elnosa e ENCE, "un complexo industrial que lles causa graves problemas de saúde ás poboacións próximas e que grazas á nova Lei de Costas, non ve caducada a súa concesión a pesar que tiña que abandonar a ría en 2018 polo seu dano ambiental", denuncia.

En canto á praia de Sabón, en Arteixo, esta sitúase moi próxima ao polígono industrial do mesmo nome, a Punta Lagosteira e ao porto exterior alí construído. "Esquece os gastos en autovías ou en aeroportos baleiros dos anos da burbulla inmobiliaria. Preto da cidade da Coruña existe un porto que custou uns 750 millóns de euros. Un importante caladoiro de pesca nunha zona marabillosa de cantil que ía ser destinado a porto refuxio tras o Prestige e que vai acabar de porto de Repsol. Obra pagada ademais con diñeiro público na súa maioría", destaca Greenpeace. Curiosamente, a praia de Sabón é un dos moitos areais que en Galicia conta coa bandeira azul outorgada pola UE.

 

Outros puntos negros sinalados por Greenpeace

O pasado mes de xuño a entidade ecoloxista publicou a Radiografía social do medio ambiente en España, un completo informe que analizaba autonomía a autonomía os exemplos máis negativos, así como as iniciativas a seguir e imitar a nivel medioambiental. Identificaba 24 puntos negros en Galicia, entre eles as centrais térmicas de Meirama e As Pontes, a refinería de Repsol, así como fenómenos coma a "eucaliptización", a "pesca destrutiva" nalgúns lugares ou a deficiente xestión dos residuos realizada por Sogama.

De igual xeito, en 2013, Greenpeace alertaba no seu estudo Destrucción a toda costa da situación de determinados lugares do litoral galego, centrándose sobre todo na presión urbanística, e salientando que unha quinta parte da nosa costa estaba xa baixo o cemento.

Praia de Sabón, co porto exterior da Coruña ao fondo CC-BY José Losada
Praia de Praceres © eltiempo.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.