Dúas persoas falecidas e unha trintena feridas no estoupido do almacén de pirotecnia en Tui

Estado dunha das edificacións afectadas polo estourido Dominio Público Praza Pública - Cedida

· Información actualizada ás 10:46 do 24/05/2018

O estoupido dun almacén de pirotecnia en Paramos (Tui) provocou na tarde deste mércores o falecemento de cando menos dúas persoas e unha trintena de feridas -30, nomeadamente, segundo o último balance oficial-, segundo confirma o 112 e os servizos de emerxencia da Deputación de Pontevedra, que certificaron o segundo falecemento na mañá deste xoves. "O corpo -explican- foi atopado na mesma vivenda onde apareceu a primeira persoa falecida".

Contra as catro e media da tarde unha forte explosión e unha vaga expansiva na forma de tremor de terra percibiuse en boa parte da contorna do Baixo Miño, alertada por unha enorme columna de fume visible dende varios quilómetros á redonda e que tiña a súa orixe nun almacén que, segundo o alcalde tudense, Carlos Vázquez Padín, non contaba coa autorización pertinente, toda vez que o Concello "descoñecía" a súa existencia. A instalación sería presuntamente utilizada para almacenar material da antiga pirotecnia La Gallega, clausurada nunha parroquia veciña, cuxo propietario foi detido pola Garda Civil no serán deste mércores.

Veciñanza da zona alertou en poucos minutos o 112, que contra as cinco e media da tarde confirmou a activación do Plan Territorial de Emerxencias ao tratarse, segundo efectivos dependentes da Deputación de Pontevedra, dunha "explosión de grandes consecuencias". Ao lugar do incidente desprazáronse medios de emerxencias e efectivos contra incendios de Vigo, O Morrazo, Ribadumia e do propio Baixo Miño, así como da localidade portuguesa de Valença do Miño, catro helicópteros e varias ambulancias do 061.

Efectos da explosión do almacén pirotécnico Dominio Público Deputación de Pontevedra

A veciñanza viuse obrigada a abandonar as súas vivendas por mor dos desperfectos provocados pola explosión. As grandes fendas derrubaron algunhas casas e puxeron en risco de derrubamento outras.

Os efectivos de emerxencias pregaron dende o inicio da intervención "non obstaculizar os accesos á zona da incidencia" co obxectivo de "deixar o tránsito libre para os vehículos de emerxencias" e tamén para evitar os riscos de eventuais novas explosións. "Solicitamos encarecidamente eviten achegarse á zona afectada. Medios seguen traballando xa que é necesario controlar que non haxa máis risco de explosións secundarias", advertiu o 112, que detalla que os bombeiros tiveron que comprobar "casa por casa" o acontecido. Ese risco de novos estoupidos foi avaliado por TEDAX da Garda Civil

Imaxe tomada polo comandante do patrulleiro 'Cabo Fradera', Roberto Casal, difundida pola TVG Dominio Público Roberto Casal / O Tempo TVG

O perímetro afectado é duns "700 ou 800 metros", sinalan efectivos do Consorcio de Bombeiros de Pontevedra e as vivendas con "grave afectación" roldan a vintena. Mentres, veciñanza da zona afirma en declaracións á Radio Galega que se ben era coñecido que na casa onde se produciu a explosión era almacenado material pirotécnico, non se trataba dunha instalación adaptada para ese uso. O Concello de Tui facilita o teléfono 986 60 70 55 para as persoas afectadas polo sinistro, que tamén poden dirixirse ao Centro Cultural de Guillarei, habilitado como centro de atención.

Atendendo ao revelado polo alcalde da vila, o estoupido produciuse nun almacén que, en rigor, se trataba dunha vivenda non autorizada para almacenar ou producir material pirotécnico. Segundo Enrique Cabaleiro, ex-alcalde de Tui, a casa é propiedade "da filla do propietario" dunha pirotecnia doutra parroquia do municipio que si fora legal, chamada La Gallega, pero que foi clausurada por orde xudicial durante o seu mandato no Concello. "Hai un ano procedemos ao seu precinto", declarou Cabaleiro á Radio Galega.

Columna de fume provocada pola explosión Dominio Público Imaxes da CRTVG
Imaxes da zona afectada difundidas por Infomiño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.