Un incremento aproximado do 1.700%. Ese foi o aumento que da etiquetaxe en galego se deu nas adegas galegas desde que hai 14 anos o colectivo Galeguizar Galicia comezara as súas campañas para impulsar as etiquetas na lingua propia para os viños do país. Se naquel 2003 eran arredor dunha ducia as marcas que usaban o galego nas súas botellas, hoxe en día son entre 220 e 230 as que o fan.
O número de viños etiquetados en galego aumentou dos 12 de hai 14 anos aos máis de 200 da actualidade
Son eses os datos os que achega Xosé González, presidente do Foro Peinador e voceiro de Galeguizar Galicia, que une colectivos como este a prol da dinamización e normalización do idioma no ámbito económico, e outros co mesmo obxectivo no eido cultural, administrativo e social. "É froito de moito traballo, de moitas visitas e de moita cociña... Todo axuda, tamén a difusión que facilitan as redes sociais", di quen leva toda a vida pulando polo idioma e que vén de presentar cabo da Xunta outra nova campaña de Nadal para "animar a cidadanía a consumir produtos etiquetados na nosa lingua nas festas".
O vídeo Nadal + Galego, creado polo Foro Enrique Peinador coa colaboración do Goberno galego, foi presentado a pasada semana e forma parte dunha campaña que se desenvolve desde hai xa anos e nos que tamén se fai un chamamento aos empresarios do país a que etiqueten os seus produtos na lingua propia e aos consumidores a que merquen produtos autóctonos.
A campaña Nadal + Galego fai un chamamento aos empresarios a etiquetar en galego e aos consumidores a consumir produtos do país
"Non desaproveitemos a oportunidade que nos dan estas festas para apoiarmos as marcas que etiquetan os seus produtos en lingua galega. En galego, sen voltas! Coa coherencia e autenticidade dos nosos sentementos", di Galeguizar Galicia. "Consumo produtos galegos e de calidade porque axudo a manter as nosas industrias agroalimentarias", insiste o vídeo.
Campañas coma esta e outras pola etiquetaxe, premios como os Bacelos de Prata ou publicacións sobre as adegas e marcas que usan o galego contribuíron nos últimos anos ao emprego do idioma, segundo destaca González, que repara no "atomizado" do sector vitivinícola en Galicia, pero tamén en que "é un sector que tira dos demais" á hora de apostar pola lingua propia.
"Empresas cárnicas, de conservas, leiteiras, iogures... Son xa moitas as marcas que empregan o galego na súa etiquetaxe, moito en parte polo tirón que provocou a aposta que fixeron moitas adegas do país", destaca. Na actualidade, en Galicia hai máis de 400 adegas, cada unha con cadansúas marcas. Segundo os datos do Foro Peinador, entre 220 e 230 destas marcas empregan a lingua galega nas súas botellas. Do mesmo xeito que o caviar se vende en todo o mundo con etiqueta en iraniano ou o vodka en ruso, "o galego nos envases tamén proporciona valor engadido", destacan desde Galeguizar Galicia.
"O galego nos envases tamén proporciona valor engadido, dá personalidade e orixe e beneficia", din empresarios
"O produto galego fóra de aquí é moi ben admitido e gusta que vaia etiquetado na nosa lingua; dáche unha personalidade, unha orixe e benefícianos", dicía na rolda de prensa da presentación da campaña Diego Pardal, un dos propietarios de Vermutería de Galicia, que estivo no acto xunto aos tamén empresarios Patricia Sánchez, de Leite Noso, e Lito Andión, de Hoxe Sociedade Cooperativa Galega.
Polo de agora, o vídeo da campaña supera xa as 32.000 visualizacións o que, segundo Xosé González, amoso como cada vez hai máis concienciación na sociedade galega a prol dos produtos propios e do uso da lingua. "Hai un sector dos consumidores do país que por fin se decatou do importante que é galeguizar a economía, darlle sustento e apostar polo consumo galego", di quen destaca que "se o problema do agro é estrutural, o da lingua tamén o é por falta de normalización e de políticas que a fomenten".
"Se o problema do agro é estrutural, o da lingua tamén o é por falta de normalización e de políticas que a fomenten"
"Apoiar a lingua na economía tamén supón apoiar e consumir produtos galegos, fixar postos de traballo no noso rural e lograr, cada vez máis, que as grandes superficies aposten por esas marcas", remata nunha aposta na que coincide co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que incide na disposición do seu departamento a “apoiar aquelas empresas que apostan pola lingua galega como garantía de calidade e de proximidade dos seus produtos, convencidas de que o noso idioma vende”.
Así, animou a cidadanía a facer o mesmo aplicando o criterio de “preferir aquilo que estea etiquetado no noso idioma”. O secretario xeral mostrouse seguro de que, con esta escolla, “o consumidor non se verá defraudado, porque levará á súa mesa de Nadal o mellor produto de Galicia”.