"É cuestión de vontade; é máis barato a asistencia axeitada aquí que pagar os abortos en Madrid"

Concentración diante do CHUAC da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Sergas e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defenden o protocolo seguido nas interrupcións de embarazo en Galicia durante o segundo trimestre de xestación. Xustifican o proceder malia que segundo as denuncias de varias mulleres -e as da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA)- cando menos na Coruña e en Ferrol non se garante a asistencia necesaria, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou mesmo deben expulsar o feto en solitario nun baño.

Feijóo promete investigar as denuncias pero nega cambios no protocolo duramente criticado e desde o Sergas aseguran que estes abortos son "atendidos por facultativos especialistas en obstetricia e xinecoloxía persoal de enfermería e auxiliares de clínica" e con procedementos "debidamente protocolizados". No entanto, a asistencia total e compaña cotinua non está garantida, tal e como recoñeceu Ricardo López Boullón, director de procesos con ingreso da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña. Así, argumentou que "os fármacos empregados para o proceso de dilatación producen un efecto demasiado imprevisto ou intempestivo" e que isto pode provocar "que a muller teña un expulsivo no baño ou no propio cuarto".

Alfonso Rueda desvincula as denuncias dos recortes e di que o sistema ten a "obriga" de atender as mulleres que abortan

Desde a PGDA insístese na "cuestión ideolóxica", unida aos recortes, como a causa principal desta situación, ao non garantir o Sergas a mesma atención "para unha muller que vai parir un feto vivo que para a que sofre un aborto e ten que expulsar un feto morto". O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desvincula as denuncias dos recortes porque o sistema ten a "obriga" de atender as persoas que decidan abortar nas condicións que o permite a lei. No entanto, esa teoría non coincide co relato das afectadas. 

Segundo aseguran, o Sergas só garante unha asistencia completa e continua ás mulleres que teñen que abortar no segundo mes de xestación se son trasladadas a Madrid. A diferenza, segundo fontes sanitarias, e que nestas clínicas madrileñas a muller "está acompañada en todo momento". "Fanlle un seguimento e cando ven que a dilatación chega a un nivel, pásana a unha zona especial para ter un expulsivo, exactamente igual que as mulleres que paren en calquera hospital", explican.

A Xunta, neses casos, asume os custos de desprazamento da paciente e da persoa que a acompaña, a estadía, o tratamento e os días de ingreso. O custo dos abortos nestas clínicas vai desde os 400 ata os 1.700 euros aproximadamente, ademais de todos os gastos maiores. A pregunta: por que non se garante unha asistencia médica en moitas áreas sanitarias de Galicia para estes casos?

"É unha cuestión de vontade; sae máis barato facelo aquí que sufragar desprazamentos e tratamento en Madrid"

"Cando os recursos son limitados, hai que xestionales ben; pódense poñer de escusa os recortes, pero para outras cousas seica non os hai... Sae moito máis barato facelo aquí que sufragar todos eses desprazamentos e tratamentos en Madrid. É unha cuestión de vontade", di Chus Díaz, psicóloga clínica do Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña e membro tamén da PGDA.  

No caso do CHUAC, segundo relata Díaz, unha supervisora de planta -que é matrona- está presente cando ingresa unha muller con máis de 14 semanas de embarazo en previsión dun aborto. Pero que ocurre? "Que non se pode garantir que estea sempre atendida correctamente; se a matrona non está nesa quenda ou non hai suficiente persoal médico ou está operando en Urxencias... Ese é o problema", explica. 

E é tamén a obxección de conciencia un problema? Desde os propios centros médicos recoñécese que hai casos de persoal médico que se nega a participar en abortos, pero nin desde a Administración nin mesmo desde a PGDA se considera esta a razón fundamental. Alfonso Rueda négao tamén e di que as mulleres teñen "dereito" a abortar se así o desexan, aínda que non é de todo así. "Non todo persoal do servizo de xinecoloxía fai interrupcións voluntarias do embarazo e pasa en Galicia e en moitos máis sitios", explica Chus Díaz, que aclara que a cuestión é "garantir que as mulleres estean sempre atendidas aínda que houbese algún obxector". "Nunca ninguén na Xunta dixo que o problema fose falta de matronas ou persoal", engade, aínda que os acordos do Sergas coas clínicas privadas teñen que ver tamén con esas negativas. 

Feijóo defende un protocolo que, segundo as denuncias, non cumpre coas recomendacións internacionais

Sexa como for, desde a PGDA insisten en que se aplique en Galicia, e para todo o sistema sanitario público, un protocolo que cumpra cos protocolos internacionais sobre dereitos sexuais e reprodutivos e que inciden na necesidade de que a muller que aborta sexa atendia en todo momentno pro profesionais de xinecoloxía, médico ou matrona, e que teñan expulsivo -parto- asistido nun paritorio e non nun cuarto de ingreso. Malia todo, Feijóo defende o protocolo seguido en Galicia -que non garante as recomendacións- e nega que se vaia cambiar. No entanto, en centros como o CHUAC da Coruña houbo xa un ano xuntanzas entre a xerencia e expertos para levar a cabo unha mudanza que nunca se levou a cabo. 

"Non sei a que se refire Feijóo nin como pode saber o protocolo que hai en cada hospital e se cumpren coas recomendacións ou son axeitados", explica Chus Díaz que, di, "como psicóloga clínica", ten claro que "os que se están a aplicar non son os correctos". 

Hospital Teresa Herrera-Materno Infantil da Coruña Dominio Público Nemigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.