"É lamentable a falta de mobilización social durante o xuízo do Prestige"

López Sors declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Pedro Trepat, avogado da plataforma Nunca Máis, fai balance dun xuízo sobre a catástrofe do Prestige que durou nove meses e que agarda sentenza para despois do verán. Espera que esta sexa "exemplarizante", insiste na ausencia de responsables políticos que deberían terse sentado no banco dos acusados, censura a actitude de López Sors e non dubida en criticar a falta de mobilización social durante o proceso. "Falta conciencia cívica neste país", asegura.

Que balance fai do xuízo?

Fago unha valoración positiva polo simple feito de que se chegase a celebrar. O negativo foi a dilación tan indebida que se produciu na súa celebración, pero as infraestruturas, a dotación e os medios foron máis que correctos para a transcendencia e importancia do xuízo, que se celebrou dunha maneira tamén correcta no procesal. Veremos o que di a sentenza, pero permitiu ter unha visión clara do que foron os ámbitos de responsabilidade.

"Espero unha sentenza non vengativa, pero si pedagóxica e exemplarizante"

Que espera da sentenza?

Espero que cre un precedente para futuros casos e que sexa exemplarizante. O propio feito de que cargos importantes do Goberno, como o caso dun director xeral, teñan que asumir a súa condición de imputado nun proceso tan longo xa crea un precedente, pero isto veríase moi reforzado se iso se convertese nunha sentenza condenatoria, porque denotaría a falta de dilixencia e a imprudencia cometida por López Sors. Búscase unha sentenza non vengativa, pero si pedagóxica e exemplarizante.

Nunca Máis e outros moitos colectivos insisten en que López Sors achantou co que deberían ter achantado outros moitos...

Sempre o dixemos. Hai responsablespolíticos por riba de López Sors que deberían estar sentados no banco dos acusados porque as decisións seguramente emanaron deles. O certo é que nun proceso penal ten que haber uns indicios de criminalidade que neste caso non se puideron concretar, entre outras razóns porque o señor LópezSors actuou como un pararraios, insistindo desde o principio en que as decisións as tomara el e que unicamente as comunicaba pero que nunca recibira ordes de máis arriba. Ante iso, e ante a inexistencia doutro tipo de probas e aínda que as sospeitas estean aí, non se puido dar ese paso adiante porque estamos falando dunha xurisdición garantista.

"López Sors actuou como pararraios, insistindo semrpe en que só el tomara as decisións; ante iso, é difícil probar o contrario"

En que situación queda a Xustiza cando o propio presidente do tribunal di que faltan responsables por sentar no banco dos acusados?

Non queda en mal lugar. Moitas veces hai un ámbito previo de instrución no que non é a propia administración de Xustiza a responsable da investigación, xa que que corresponde a organismos policiais ou outros estatais que son os que teñen que facilitar elementos probatorios. A Xustiza ten que traballar co que lle poñen diante e actuar no seu ámbito competencial e o que entra dentro da causa. Polo tanto, non sempre se lle pode atribuír á Xustiza a responsabilidade de que non se depuren todas as responsabilidades.

Que lle pareceron as intervencións de López Sors no xuízo?

Impactoume algo López Sors porque vin unha persoa moi contraditoria, moi desorientada. Era moi diferente á persoa que eu vira na fase de instrución, pero daquela gobernaba Aznar, el era director xeral e estaba amparado de facto polo fiscal xefe, que máis que como acusación actuaba como defensa. Daquela tiña unha actitude prepotente e maleducada. Dez anos despois, fóra das esferas de poder e daquela protección, e tendo que aguantar nove meses sentado entre os acusados, a persoa xa non é a mesma.

E a de Álvarez Cascos?

Cascos adoptou a típica actitude que se lle presupón, aquela dunha persoa que sabe que vai como testemuña e que diga o que diga non lle vai supor nada. Na declaración de Álvarez Cascos, e tamén na de Fernández de Mesa, non houbo nada que non esperase.

"O que se buscou en Mangouras foi un cabeza de turco; como profesional do mar, actuou de forma impecable"

Foi a reacción do capitán Mangouras a agardada?

Nos primeiros momentos o que se buscou con Mangouras ou incluso co xefe de máquinas, que me parece inadmisible que estivese imputado por desobediencia, foi buscar unha cabeza de turco. Un capitán ten unhas funcións dentro dun barco e entre elas non está o coñecemento exacto da situación estrutural, pero si un coñecemento do estado xeral do buque. Outra cousa é que as decisións que tomou foron valentes non momento máis acusado do sinistro. Permaneceu a bordo, salvou os tripulantes e arriscou a súa vida e iso, no mundo do mar, xera unha gran solidariedade porque como profesional actuou de forma impecable. A súa actitude e a do xefe de máquinas foi moi correcto no xuíz e agradeceron as mostras de solidariedade. Pola contra, López Sors foi seco, limitouse a agradecer o traballo da súa avogada e non tivo nin a típica diferencia que se concede na última quenda de palabra.

Será difícil cobras as indemnizacións...

Aquí hai dúas cuestións. Primeiro están os prexudicados, e neste caso o único responsable con solvencia en caso de condena é o Estado. Logo está a parte que lle correspondería recuperar ao Estado e neste caso terao difícil porque os outros posíbeis responsables carecen de solvencia. Nunca Máis foi a única das acusacións que ABS estivese na causa porque é a única parte solvente, pero a Avogacía do Estado e outras acusacións institucionais opuxéronse. Hoxe en día todas as responsabilidades civís e penais de ABS están prescritas e é a única das partes dentro do entramado do barco que podía asumir, no caso de condena contra este entramado, as responsabilidades civís e resarcir o Estado dos gasos que asumiu.

"Para os últimos de Nunca Máis sería desexable máis apoio social; non telo foi lamentable, máis que para nós, para o país"

Botou de menos máis presión social, tendo en conta a que si houbera dez anos atrás?

Obviamente. Este é un dos aspectos máis lamentables do xuízo. Recoñezo que non se pode manter unha conciencia cívica masiva cando pasa tanto tempo, pero daquela contestación de hai unha década a esta sería moi desexable para nós, os últimos de Nunca Máis, que tivesemos tido un certo apoio social que foi case inexistente. Foi lamentable, máis que para nós para o propio país. Foi moi negativa esta falta de resposta social, aínda que tivese sido proporcional ao período de tempo que xa pasara.

A que cre que se debeu esta falta de mobilización?

Débese a que politicamente o Prestige está amortizado e a que neste país, moitas veces, detéctase a opresión de maneira máis primaria, pero non se detecta a presión máis superestrutural. A xente responde de maneira máis activa a aquilo que é máis primario, pero xa se require un nivel de conciencia cívica maior, que non existe aquí, para seguir mantendo polo menos un nivel axeitado a esa opresión que non é tan visible. O que pasa é que hai unha falta de conciencia cívica no país.

 

Trepat fala aos medios nunha rolda de Nunca Máis Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.