E se Galicia segue o camiño catalán para abolir as touradas?

Patricia Vilán, Rubén Pérez, Ana Pónto e Antón Sánchez, na presentación das sinaturas © AGE

Seguirá Galicia o camiño de Cataluña para abolir as touradas? O activo movemento antitaurino en Galicia non o descarta. Nin moito menos. Neste venres fixo unha nova demostración de forza ao entregar no Parlamento máis de 100.000 sinaturas contra este espectáculo por parte da plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST) e a Fundación Franz Weber e ao abeiro da Iniciativa Europea pola Abolición.

O movemento antitaurino galego presenta 100.000 sinaturas contra as touradas e medita presentar unha ILP

Foi Rubén Pérez, voceiro de GMST, quen presentou estas firmas acompañado polos deputados Antón Sánchez (AGE), Ana Pontón (BNG) e Patricia Vilán (PSdeG), que forman parte da Fronte Antitaurina que funciona desde hai meses na Cámara galega. Logo de rexistrar as máis de 100.000 sinaturas recollidas desde comezos de ano, o portavoz do colectivo insistiu na posibilidade de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) "en termos semellantes á redactada no territorio catalán" e que acabou por abolir as touradas naquela comunidade autónoma tras a súa votación no Parlamento.

Os promotores daquela exitosa ILP en Cataluña xa explicaran en Galicia a súa folla de ruta e advertiran do irremediable destino que lle agardaba ás touradas no país. Para presentar unha ILP e levala á Cámara galega farían falta 15.000 sinaturas. "Se acadamos 100.000 agora, vémonos coa capacidade de, nun momento dado, presentar unha iniciativa", explica a Praza Rubén Pérez, que aclara tamén que as firmas presentadas este venres "son máis simbólicas" porque nelas tamén as hai chegadas "doutras partes do Estado e de Europa".

A ILP solicitaría a eliminación da excepción que as touradas reciben na lei, igual que en Cataluña e idéntica proposta á rexeitada polo Parlamento galego en xuño

Na ILP proporíase, como ocorreu en Cataluña, a eliminación da excepción normativa que este espectáculo recibe na Lei de Protección dos Animais. A mesma proposta que en forma de proposición de lei presentou o BNG no Parlamento no pasado mes de xuño e que foi apoiada por todos os grupos da oposición e rexeitada polo PP, malia que varios dos seus deputados se declararan contrarios ás touradas noutras ocasións. A disciplina de voto imposta polos populares e a súa maioría absoluta frearon o primeiro intento de abolición.

"É obvio que meditaremos en que momento presentar a ILP porque a actitude do PP e a súa maioría absoluta ponnos difíciles as cousas; eles din que dan liberdade de voto, pero sabemos de sobra que non é así", explica Rubén Pérez, que cre que o PP "quedará só" en Galicia na súa defensa das touradas que, lembra, só teñen un público que representaría o 0,8% da poboación, segundo a última Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais do Ministerio de Cultura. Os últimos datos de asistencia á feira taurina da Coruña confirman a nula ou escasísima afección que o espectáculo ten no país.

Os antitaurinos pretenden trasladar o debate á axenda do Parlamento, onde se debaterán dúas iniciativas sobre o espectáculo

Rubén Pérez aproveitou a rolda de prensa para explicar as estrataxemas do PP para declarar no conxunto do Estado a tauromaquia como Patrimonio Cultural Inmaterial, advertindo que esta declaración, ademáis de supoñer unha política de maior subsidio do entramado taurino, "non afectaría as decisión que tome a Cámara galega e moito menos deterá os avanzos civís a prol da abolición".

Neste momento, GMST e Franz Weber agardan o debate das dúas iniciativas rexistradas nas últimas semanas no Parlamento, a primeira ao redor da emisión de contidos taurinos en TVE en horario de protección á infancia, e a segunda sobre a potencial creación dunha Comisión de Estudo que sirva como parte do proceso de abolición dos festexos taurinos e que otorgue voz a xuristas, cargos electos e persoalidades que demandan a fin das touradas, tal e como sucedeu noutras comunidades como Cataluña e as Illas Canarias, pero tamén no contexto internacional con grandes capitais americanas prescindindo destes espectáculos. Aspecto que sucedeu en Quito e Bogotá. "A prioridade dos colectivos abolicionistas é trasladar o debate á axenda parlamentaria", lembran.

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.