E tras o 'Legado do Tibu', o 'Legado das parrochas'

Isabel Risco, na 'Romaría Lilá' celebrada este domingo en Vigo © PGDA A Coruña

En mes e medio, e o Legado do Tibu estendeuse xa por toda Galicia. De forma exponencial e viral, comezou asolagando a Costa da Morte, para despois chegar a todos os recantos do país. A pasada semana naceu un novo reto, unha nova forma de mollarse, e ademais por unha causa moi importante: o dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos e a súa sexualidade. "As lerchas abortistas da Coruña deconstruímos o legado do tibu e creamos o noso legado colectivo: O legado das parrochas", dise na páxina de Facebook da iniciativa.

Trátase, simplemente, de mollarse (no mar, no río, cunha mangueira, ou de maneira simbólica), cunha mensaxe en defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto escrita no corpo ou nun cartaz

Este domingo, ao remate da manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que reuniu nas rúas de Vigo máis dun milleiro de persoas, Isabel Risco interveu para ler o manifesto da marcha, e tamén para oficiar como mestra de cerimonias da Romaría Lilá. Alí lanzoulles o reto, o legado das parrochas (ou das xoubas, en versión meridional) a todas as manifestantes. Trátase, simplemente, de mollarse (no mar, no río, cunha mangueira, ou de maneira simbólica), cunha mensaxe en defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto escrita no corpo ou nun cartaz. E, posteriormente, de compartir na rede unha imaxe ou vídeo da acción. "Podedes escribilo no corpo, na roupa, bragas, gallumbos ou tanga e ademais tedes que berrar esa ou outra consigna feminista. Non vale no interior. Tedes que facelo en espazos públicos", destácase. 

"Lerchonas, lurpias, modosiñas, pagafantas, patriotas, camaradas, amig@s, proxenitor@s, follamig@s... non deixedes que vos vexan como machirulos... molládevos de verdade pola loita feminista"

Ao igual que no Legado do Tibu, búscase que nunha cadea o reto implique máis e máis xente, polo que no momento da molladura, cada persoa deberá nomear outras tres persoas, que quedan obrigadas a facelo. "Lerchonas, lurpias, modosiñas, pagafantas, patriotas, camaradas, amig@s, proxenitor@s, follamig@s... non deixedes que vos vexan como machirulos... molládevos de verdade pola loita feminista", engádese. O reto está xa na rúa e nas redes e xa se poden ver as probas dalgunhas das primeiras accións, ou aquí, e tamén aquí.

Coa manifestación deste domingo, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto buscaba manter a mobilización social, xusto neste momento no que o Goberno semella querer aproveitar a chegada do verán para acelerar a tramitación da contrarreforma, en espera dunha desmobilización dos colectivos e plataformas opostas ao recorte. O pasado venres o Poder Xudicial aprobou o seu informe sobre proposta do Ministerio de Xustiza, e o mércores a lei pasou polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Unha vez que complete os últimos trámites, o obxectivo do Goberno semella ser deixar durmir a norma até setembro, cando se iniciaría o seu debate no Congreso.

Isabel Risco, na 'Romaría Lilá' celebrada este domingo en Vigo © PGDA A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.