Ecoloxistas critican un plano reitor das Fragas do Eume que "nace morto, sen medidas concretas e sen orzamento"

ADEGA e SGHN critican a falta de medidas para asegurar un caudal normal do río © ADEGA

O pasado mes de xaneiro a Consellaría de Medio Ambiente presentou o Plano Reitor de Uso e Xestión das Fragas do Eume, 19 anos despois da declaración do Parque Natural. O documento recibiu duras críticas, tanto dos propietarios e propietarias coma dos grupos ecoloxistas. ADEGA, por exemplo, cualifícao coma "o parto dos montes: tanto tempo agardando por un PRUX que nace morto, sen medidas concretas e sen orzamentos". Ademais, ao igual que fixeron outras entidades, critica a falta de participación pública e debate para a elaboración do texto. 

ADEGA cualifícao coma "o parto dos montes: tanto tempo agardando por un PRUX que nace morto, sen medidas concretas e sen orzamentos"

De feito, hai unhas semanas a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) salientaba que "cando os retrasos se miden en anos, lustros ou mesmo decenios, como no PRUX do PN das Fragas do Eume, resulta inaudito que o prazo dado para que veciños e entidades interesadas presentasen alegacións ao PRUX fose de tan só 15 días, afortunadamente prorrogados in extremis por outros 15 máis". E recomendaba que a Consellería de Medio Ambiente debería "esforzarse en fomentar a participación pública, o diálogo e o consenso" respecto non só do PRUX das Fragas do Eume "senón en todos os espazos naturais protexidos".

ADEGA vén de facer públicas as alegacións que presentou e que acompaña dunha petición de retirada do actual documento e dunha proposta de apertura "dun novo proceso, baseado na participación pública e na incorporación da máis actual e mellor información científico-técnica". Pide tamén "un programa económico-financeiro realista que asegure a conservación da xeodiversidade e biodiversidade e que apoie ás comunidades locais que viven e traballan no ámbito do Parque Natural".

Algunhas das críticas, máis alá da ausencia de medidas ou de financiamento, son de forma, para un texto moi xenérico e que semella ter sido copiado doutras normativas e de planos reitores correspondentes a outros espazo

Algunhas das súas críticas, máis alá desa sinalada ausencia de medidas ou de financiamento, son de forma, para un texto moi xenérico e que semella ter sido copiado doutras normativas e de planos reitores correspondentes a outros espazos: "Un PRUX debería ser redactado por un equipo de técnicos e profesionais de distintas disciplinas, e neste caso atopámonos cun documento de autoría anónima. Algúns dos seus capítulos inclúen datos de máis de 7 anos de antigüidade mentres que noutros non existe ningunha referencia temporal, como acontece nos apartados socio-económicos, feito que invalida a información achegada".

ADEGA tamén critica que "a información relativa á biodiversidade está anticuada, xa que non se inclúen datos obtidos a partir de traballos publicados nos últimos cinco anos" e salienta que no documento non se inclúe "ningunha referencia ao último grande incendio que devastou unha importante superficie das Fragas do Eume, e aos efectos que a acción do lume causou sobre os ecosistemas, os hábitats e as especies protexidas". Ademais, engade, "a relación de obxectivos formulouse dun xeito demasiado xeral, máis propio dunha lei estatal ou dunha directiva que dun documento de planificación con implicacións territoriais concretas e definidas".

A SGHN denuncia a ausencia de medidas para "a recuperación dun réxime ecolóxico de caudais circulantes augas abaixo do encoro do Eume"

Nas alegacións presentadas hai unhas semanas pola SGHN sinalábanse moitas das eivas deste plano, sinaladas tamén por ADEGA. A SGHN denunciaba a ausencia de medidas para "a recuperación dun réxime ecolóxico de caudais circulantes augas abaixo do encoro do Eume e a instalación de escalas para peixes nos encoros". E esixía a "total e sen excepcións" prohibición das cortas nos corredores fluviais e bosques húmidos "por afectar de xeito innecesario e inadmisible a un hábitat prioritario".

O documento presentado pola Xunta tamén atopou unha dura oposición nos propietarios e propietarias e tamén nos gobernos municipais dos cinco concellos afectados

De igual xeito, Mónica Arto (Verdegaia) sinalaba sobre o documento preliminar (moi semellante ao finalmente presentado) que o texto "é moi xenérico, non hai nada concreto e tampouco é unha proposta práctica para o día a día", e subliñaba que só revelaba preocupación pola "perspectiva de parque natural dedicada a un interese turístico" pero que esquecía outros aspectos, coma "temas de conservación, de protección de especies ameazadas ou o obxectivo de avanzar nos acordos con propietarios para a boa xestión do parque". "O primeiro que ten que facer o parque, ademais de cumprir a súa función ecosistémica e de protección de especies, é mellorar a calidade de vida dos que viven alí, dos que viven próximos ao parque e dos que son propietarios", engadía.

E é que o documento presentado pola Xunta tamén atopou unha dura oposición nos propietarios e propietarias e tamén nos gobernos municipais dos cinco concellos afectados: A Capela, As Pontes, Monfero, Cabanas e Pontedeume, que presentaron centos de alegacións ao plano reitor proposto. Os propietarios e propietarias, ao redor de dúas mil persoas, están agrupadas en dúas grandes asociacións, Asociación Parque Natural del Eume, Naturaleza y DesarrolloUnión de Propietarios para la Defensa de las Fragas do Eume, que critican sobre todo a ausencia de compensacións económicas.

Mapa do Parque Natural das Fragas do Eume © SGHN
ADEGA e SGHN critican a falta de medidas para asegurar un caudal normal do río © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.