Ecosocialistas piden investimentos da rede galega de ferrocarril

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

Espazo Ecosocialista demanda un meirande investimento no ferrocarril en Galicia e denuncia o "desmantelamento dos sistemas de transporte público froito de políticas de transporte orientadas aos beneficios das grandes construtoras centradas en autovías, autoestradas e ruinosas liñas de AVE". Neste senso, fai fincapé no feito de que o o Goberno destine 3.500 millóns de euros públicos para as autoestradas deficitarias mentres incrementa os recortes no tren. Uns recortes que en Galicia suporán a eliminación de máis de 80 frecuencias cun aforro total de ao redor de 86 millóns de euros. Os ecosocialistas denuncian que nas últimas decadas se gastaron máis 50.000 millóns de euros en liñas AVE "das que a meirande parte non teñen pasaxeiros para cubrir o seu mantemento, non falemos xa da súa amortización".

A formación ecoloxista integrada en AGE lembra que en Galicia, as carencias en infraestruturas e de material rodante son crónicas e veñen pexadas por un deseño e construción de liñas realizado entre 1870 e 1958, no que se atenderon unha mestura de intereses localistas e abaratamentos do proceso de obra. Isto reflíctese na actualidade nuns treitos excesivamente longos, con fortes pendentes e sinuosidades (Galicia conta co 40% das curvas de radio menor ou igual de 300 m e case o 20% das curvas de radio menor ou igual de 500 m de toda a rede de RENFE, cunha lonxitude de tan só o 7,2% do total). Outras carencias particularmente graves son a falla de electrificación e a ausencia de dobre vía. A consecuencia son "trens cun alto grao de emisións contaminantes e velocidades reducidas, pouca capacidade de aceleración para faceren un servizo de proximidades áxil e con múltiples paradas, e obrigados a deterse para cederlles o paso a outros trens pola mesma vía".

"O que Galicia precisa é apostar por un ferrocarril que atenda ao maior número de persoas e mercadorías posíbeis, que dea servizo real a todo o país nas súas distintas modalidades (proximidades, media e longa distancia...)"

Espazo Ecosocialista salienta que "o que Galicia precisa é apostar por un ferrocarril que atenda ao maior número de persoas e mercadorías posíbeis, que dea servizo real a todo o país nas súas distintas modalidades (proximidades, media e longa distancia...), que facilite a conexión en rede multinodal co resto da península e que aposte por velocidades competitivas que optimicen dende un punto de vista ambiental o consumo enerxético e dende un punto de vista social as infraestruturas". E engade que "é urxente actualizar e construír as liñas transversais que precisa o mallado da rede básica en Galicia, e facilitar a partir del a conexión coas redes española e portuguesa dende unha óptica non centralizada, potenciando, entre outros, o eixo cantábrico".

"É o momento de asumir as competencias en materia ferroviaria e establecer uns servizos ferroviarios que sexan, de verdade, públicos, sociais e sustentábeis"

Os ecosocialistas lembran que o Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 26.8 "a posibilidade de dotármonos dunha infraestrutura ferroviaria propia" e afirman que "é o momento de asumir as competencias en materia ferroviaria e establecer uns servizos ferroviarios que sexan, de verdade, públicos, sociais e sustentábeis".

 

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.