Educación deixa sen efecto a circular que propoñia un canon por proxectar filmes nos colexios

Proxección dun filme para o alumnado dun centro de ensino CC-BY-NC-SA Aula Sur

No pasado curso académico, os centros de ensino comezaron a recibir unha carta do director xeral en España de Motion Picture Licensing Company, na que a empresa xestora de dereitos de filmes e outros materiais audiovisuais lles ofrecía “unha licenza anual para poder utilizar os contidos", cun custe de 1.25 euros por estudante, IVE non incluído. Era o prezo que a empresa dixera acordar coa Consellaría de Educación, que previamente enviara unha circular (14/2014) na que se lles lembraba aos docentes a prohibición de proxectar filmes completos ou calquera outro material audiovisual na súa totalidade, segundo o previsto na Lei de Propiedade Intelectual.

A empresa MPLC enviou cartas aos centros propoñendo o pagamento dun canon por usar contidos audiovisuais logo de que Educación enviara unha circular advertindo da prohibición de proxectar filmes

Educación advertía de que, no caso de que non se respectasen estes límites, as xestoras de dereitos poderían esixirlles aos centros autorización previa e mesmo poderían demandar compensacións económicas. Se todos os centros pagaran a cantidade acordada entre a Consellaría e a Motion Picture Licensing Company, esta empresa privada recibiría 325.000 euros anuais máis IVE.

No comezo deste novo curso, os centros de ensino comezaron a recibir de novo estas cartas por parte da empresa, nas que unha vez máis lles ofrece unha licencia educativa para o uso nas aulas de materiais audiovisuais, lembrando a obrigatoriedade de cumprir co disposto na Lei de Propiedade Intelectual. Desta volta, as licenzas non teñen un prezo fixo por alumno e alumna, senón que se cobran por centro, en función do seu tamaño. 

CIG-Ensino reaccionou, exixiulle á Xunta que "prohibise con carácter de urxencia o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos", así coma "o control que estas empresas pretenden realizar sobre a utilización de materiais audiovisuais" e que garantise "a total gratuidade da utilización destes recursos". Ademais, levou o tema á Mesa Sectorial e ao Parlamento, recolleu preto de 4.000 sinaturas dos centros e mobilizouse. Ante a falta de resposta, o sindicato presentou unha queixa perante a Valedora do Pobo que foi admitida. Agora, a alta comisionada responde incorporando tamén as respostas que a Consellería de Educación lle deu ante os seus requirimentos e da que se tira que a polémica circular queda sen efecto

Educación acláralle á Valedora que a circular "non impón ningunha obriga máis aló da lei" e que MPLC "non ten ningún contrato nin pacto" coa Consellería

Así, a Consellería aclara que coa circular "non se impón ningunha obriga máis aló das establecidas por rango de lei" e que a empresa MPLC "non ten asinado ningún tipo de contrato nin pactou o seu contido con Educación neste aspecto". Así, aclara que a Xunta non ten habilitación legal para impedirlle a unha empresa privada que se comunique cos centros, pero transmite tamén "o seu total desacordo" coa petición na que aclara que se debe comunicar tamén se se empregan materiais audiovisuais ou non.

"O profesorado continúa a poder facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais" exactamente nas mesmas condicións que antes", aclara a Xunta

A Consellería, segundo lle aclara á Valedora, deixa "constancia" de que "o profesorado continúa a poder facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais" exactamente nas mesmas condicións que antes de que Educación emitise a devandita circular, é dicir, "dentro do respecto ao marco legal vixente, que a xuízo da Consellaría é perfectamente compatíbel cun ensino público de calidade en todos os centros". 

A Valedora entende que "non houbo por parte da administración ningunha actuación irregular ou lesiva dos dereitos dos membros da comunidade educativa a utilizar os medios audiovisuais dentro do marco normativo vixente, coas mesmas condicións que ata a data". Ao tempo, CIG-Ensino entende que desta resolución despréndese que a circular 14/2014 "está sen efecto e que non hai máis limitacións do uso dos audiovisuais que o estabelecido non Real decreto lexislativo 1/996 do 12 de abril".

Proxección dun filme para o alumnado dun centro de ensino CC-BY-NC-SA Aula Sur
Carta que están a recibir os centros de ensino esixindo o pagamento © CIG-Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.