Emigrantes intensifican a protesta ante o silencio do Goberno polas multas de Facenda

Manifestación de emigrantes retornadas na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Emigrantes retornados concentráronse esta mañá nas delegacións da Axencia Tributaria de 16 localidades galegas nun paso máis para protestar contra as multas e sancións que o Estado lles está a impoñer desde hai meses, e que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias.

Xa desde principios de ano, e a través dunha nova campaña recadatoria do Goberno central, milleiros de emigrantes retornados galegos reciben notifiacións de Facenda para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro e proceder á regularización, ou no seu caso, formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008. Estes requirimentos, que se estenden tamén a 2009, 2010 e 2011, inclúen tamén sancións, intereses de demora ou recargos polo atraso nos pagos, o que provoca que a media das sancións se eleve a uns 10.000 euros, tal e como denuncia a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER), recentemente constituída e que está a organizar accións conxuntas en todo o país como a deste martes.

Os emigrantes reclaman regularizar a súa situación, pero sen recargos, intereses de demora nin multas por "non ser defraudadores"

A Coordinadora, tal e como expresaron nas diferentes mobilizacións as distintas plataformas comarcais, non intenta evitar as súas obrigas fiscais e limítase a propoñer a regularización da situación do período 2008-2012, pero sen que se lles reclamen recargos polas cantidades adebedadas, nin intereses de demora, nin moito menos sancións, xa que, como insisten, non houbo mala intención. Ademais, reclaman a devolución do pagado en forma de sancións por milleiros de persoas. "Somos emigrantes, non defraudadores", rezaban as pancartas duns pensionistas que censuran que, mentres a eles se lles reclama ata o último peso por unhas declaracións que nunca foron requiridas nin correctamente explicadas, "os defraudadores de verdade gozan dunha amnistía fiscal".

Do mesmo xeito, os emigrantes tamén demandan que "se inicie unha campaña de información a todas as persoas afectadas para que se informe das súas obrigas futuras", anulando así os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre os anos 2008-2012. Ademais, piden unha revisión dos convenios marco con outros estados para evitar que volvan ocorrer situacións deste tipo, así como unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, "con independencia de se estas proceden dun país ou de varios".

"Non hai resposta ningunha do Goberno; esperemos que estean reflexionando para solucionar de vez este problema"

As Plataformas de Emigrantes Retornados Comarcais, a través da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, continúan coa súa axenda de mobilizacións para reclamar ao Goberno do Estado a anulación das sancións impostas pola Axencia Tributaria por non ter declarado as pensións que reciben os emigrantes retornados desde outros países desde o 2008 e para reclamar un cambio lexislativo.

As concentracións realízaronse na Coruña, Ferrol, Ribeira, Compostela, Monforte de Lemos, Foz, Lugo, O Carballiño, Celanova, Ourense, Ponteareas, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vigo e Pontevedra. Xosé Lois Leirós, un dos voceiros da Coordinadora Nacional, destaca que, malia as mobilizacións, "aínda non hai resposta ningunha" por parte das autoridades, aínda que cre que iso tamén pode ser "un bo sinal". "Nin chío, pero agardemos que estean reflexionando para darlle unha solución de vez a este problema", di. Unha grave situación que algúns xa denominan como as novas preferentes galegas e que pode afectar a unhas 250.000 persoas, incluíndo fillos ou herdeiros de emigrantes aos que se lles reclama agora polos seus familiares.

As distintas plataformas rexistraron nas oficinas das delegacións da Axencia Tributaria un documento dirixido ao Ministerio de Facenda no que se recollen todas as reivindicacións e os puntos básicos coa intención de paralizar o que consideran "unha estafa e atraco" do Goberno do Estado. "Só a presión social, xunto á vía xudicial, poden paralizar isto", recordan. Ademais, acordaron unha xuntanza co delegado especial de Facenda en Galicia para as vindeiras semanas, así como  co fiscal superior de Galicia. Alén disto, teñen previsto novas mobilizacións, entre as que se inclúe unha manifestación unitaria co apoio de todas as plataformas.

As 'novas preferentes' poden afectar uns 250.000 emigrantes retornados en Galicia

Por outra banda, a Federación Española de Asociacións de Emigrantes tamén se manifestou polo centro de Madrid para reclamar tamén a retirada das sancións e dos intereses de demora. A voceira do PSOE no Congreso, Soraya Rodríguez, que se reuniu cos seus representantes, cualificou de "indigno" que Facenda trate os pensionistas peor que aos defraudadores incluídos na amnistía fiscal. Hai tan só unhas semanas, o PP rexeitou no Senado a regularización fiscal dos emigrantes que apoiara no Parlamento galego.

Manifestación de emigrantes retornadas en Vigo CC-BY-NC-SA CIG
Manifestación de emigrantes retornados en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.