Emilio Cao: "A protesta social está criminalizada. Buscan a docilidade da poboación"

Emilio Cao, este luns en Compostela Dominio Público Praza Pública

A pasada semana Emilio Cao coñeceu a sentenza do seu caso. O mozo do Carballiño foi condenado a tres meses de cadea por atentado contra a autoridade e ao pagamento de 200 euros de multa, evitando así ingresar en prisión. Este luns ofreceu unha rolda de prensa para valorar o ditame. Ademais, agradeceu o apoio recibido pola sociedade galega e lamentou os "catro anos de presión sobre a miña familia e as miñas amizades", sufridos por mor da súa acusación. A Fiscalía pedía para el unha pena de 5 anos e 8 meses de cárcere e o pagamento de 600 euros de multa.

"Foron catro anos de incerteza máxima e de absoluto desamparo, que me impedía desenvolver a miña vida con normalidade, a nivel académico, familiar e coas miñas amizades", destacou. Cao insistiu na "inconsistencia" das probas presentadas en contra del e subliñou que a sentenza "deixa claro" que o proceso foi "unha clara montaxe policial". Emilio Cao afirma que a acusación que recibiu foi unha mostra de que "a protesta social está duramente reprimida e criminalizada, buscando unha docilidade por parte da poboación que nin eu nin ningunha das persoas que participan nas loitas sociais imos acatar".

Aínda que para el estes últimos días foron de celebración, lembrou que existen casos abertos semellantes no Estado español. "Nese sentido debemos levantar a voz contra todas as inxustizas xa que non podemos ver como normal a represión política", dixo.

Cao agradeceu finalmente o apoio recibido pola sociedade galega, comezando por decenas de alcaldes e alcaldesas -os de catro das sete grandes cidades galegas, Miguel Anxo Fernández Lores, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez-, aos Grupos Parlamentares de En Marea no Congreso e do BNG e En Marea no Parlamento de Galicia, e a Suso de Toro, Marilar Aleixandre e Xosé Manuel Beiras, que o acompañaron en varias roldas de prensa durante esta campaña. Tamén agradeceu aos traballadores e traballadoras dos medios de comunicación, "que coa súa labor permitiron que este caso fose coñecido pola sociedade galega".

 

Emilio Cao, este luns en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.