Emilio Cao, condenado a tres meses de cadea, non entrará en prisión

Emilio Cao atende á prensa antes do xuízo Dominio Público @anovagal

O mozo galego Emilio Cao foi condenado a tres meses de cadea e 200 euros de multa, polo que non entrará en prisión. A finais do pasado mes de xuño celebrouse en Madrid a vista oral do xuízo contra este rapaz; daquela, no tribunal, a Fiscalía reafirmárase na petición de penas de 5 anos e 8 meses de prisión (catro anos por un delito de atentado e un ano e medio por un delito de desorde pública) para o o carballiñés, ademais de 600 euros de multa. 

Emilio Cao foi condenado a tres meses de cadea e 200 euros de multa, polo que non entrará en prisión

Finalmente, Cao foi condenado a tres meses de cadea e unha sanción de 200 euros nunha sentenza que supón que non teña que entrar na cadea., segundo confirmou o grupo de apoio ao mozo. Todo comezou hai máis de catro anos, o 22 de marzo de 2014, cando o rapaz foi detido en Madrid. Daquela tiña 17 anos, estaba integrado no colectivo Estudantes sen Futuro e viaxara á capital do Estado coa Columna Galega das Marchas da Dignidade para participar na masiva manifestación que reclamaba "pan, traballo e teito" no momento máis duro da crise económica.

O mozo carballiñés foi detido hai máis de catro anos tras unha carga da policía ao final da mobilización das Marchas da Dignidade

A policía cargou durante o acto final da marcha, mentres aínda falaba Diego Cañamero, e 24 persoas foron detidas, tres delas galegas, entre elas Emilio. "Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar", lembra. Foi trasladado despois á comisaría, onde non soubo ata o día seguinte de que fora acusado, e sometidos a un trato degradante: "Estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos".

Tras anos de espera e continuas mobilizacións e mostras de apoio desde Galicia e outras partes do Estado, Emilio Cao non foi finalmente absolto, aínda que a condena menor imposibilita que teña que, como pedía a Fiscalía, entrar na prisión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.