Emprego, pensións e a denuncia da precariedade centran as manifestacións do Primeiro de Maio

Manifestación da CIG en Vigo Dominio Público CIG

Varios milleiros de persoas participaron na vintena de manifestacións que este 1º de maio percorreron as rúas de Galicia, convocadas por CIG, CCOO e UGT, entre outros sindicatos. CCOO e UGT marcharon conxuntamente en A Coruña (onde celebraron o seu acto central), Vigo, Ferrol, Santiago, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Lugo. A CIG fíxoo en Vigo (como acto central), Pontevedra, A Coruña, Ribeira, Ferrol, Lugo, Burela, Vilagarcía, A Estrada, Cee, Compostela, Cangas e Ourense. Ademais, outras organizacións tamén levaron a cabo mobilizacións: En Compostela manifestáronse CNT, CUT, STEG, SAGAP e Foro Galego de Inmigración. En Ourense foron CNT, CUT, STEG, CGT e ST. En Vigo fixérono CUT, CGT, SF, SE e SXG. En Cangas mobilizouse a CUT. E na Coruña fixérono CUT, STEG, SF e SE.

CCOO e UGT

Na Coruña, os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e UGT, José Antonio Gómez, denunciaron que "a tímida mellora da situación do emprego" está "ensombrecida" por máis e máis precariedade. "Aqueles persoas que teñen un posto de traballo están a ver día tras día diminuídos os seus ingresos, pois ter un traballo xa non garante ter unha vida digna", dixeron.

Sánchez Aguión e Gómez subliñaron que "malia que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego". "Algo está fallando", advertiron, lembrando que entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 se perderon en Galicia más de 146.000 ocupados. Con todo, os dirixentes sindicais alertaron dunha realidade "aínda máis preocupante": a situación "límite" de moitas familias galegas a causa do paro de longa duración, que se converteu xa nun elemento estrutural e que está a xerar situacións de pobreza e exclusión social. O paro de longa duración pasou de representar o 27,7 por cento no 2007 ao 58,2 por cento na actualidade. 

Os dous sindicatos esíxenlle á Xunta que poña enriba da mesa todas as medidas necesarias "para romper o círculo vicioso do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego". CCOO e UGT demandan a derrogación das reformas laborais "que instalan a precariedade como norma de contratación e só fomentaron a desigualdade e a perda de dereitos", a posta en marcha dun plan de choque polo emprego con recursos, devolver o equilibrio de forzas na negociación colectiva "para que os sindicatos e empresarios poidan negociar en igualdade de condicións", reformar o sistema de prestacións por desemprego para facer que chegue a todas as persoas en situación de desemprego, un SMI suficiente e estable chegando aos 1.000 euros a finais da lexislatura, unha Lei de igualdade salarial, derrogar a reforma das pensións de 2013 para que as pensións suban por riba do IPC, acometer unha reforma fiscal integral así como loitar contra a fraude fiscal, a posta en marcha dunha prestación de ingresos mínimos, a recuperación progresiva do gasto en sanidade, educación, protección social e axuda á dependencia e, finalmente, un Plan Estratéxico para a Industria.

CIG

Pola súa banda, a CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo, reunindo varios milleiros de persoas. A central nacionalista centrou as súas reivindicacións na recuperación dos dereitos laborais e sociais "roubados coa escusa da crise" e na demanda da derrogación das sucesivas reformas laborais. O sindicato salientou que "nos últimos oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola clase traballadora na súa historia constante de loita". “Amparados na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria”, engadiron.

A central fixo fincapé, igualmente, en que "nestes anos máis de 130.000 galegos/as, principalmente mozos/as, marcharon á emigración buscando traballo", engadindo que "se en lugar de emigrar ficasen aquí o desemprego real superaría o 30%". De igual xeito, sinalou que "o Estado español é o único caso no que o total dos salarios da clase traballadora descendeu nestes últimos seis anos preto dun 11%", afirmando que "mesmo en Portugal, neste mesmo período os soldos subiron un 4,45%, mentres que en Alemaña e Francia o incremento superou o 9%". “As reformas laborais conseguiron o que se propoñían, traballarmos máis e cobrarmos menos; os salarios que perdemos pasaron ás rendas do capital, persoas ricas e grandes empresarios/as, que aumentaron as súas fortunas e beneficios en máis dun 18%”, destaca

A CIG concluíu subliñando que "é importante que na actualidade o PP non teña a maioría parlamentaria, xa que estas leis que empobrecen e condenan ao sufrimento á clase traballadora poden ser anuladas”.

Manifestación da CIG en Vigo Dominio Público CIG
Manifestación de CCOO e UGT na Coruña © EU
Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © CCOO
Manifestación da CIG en Ferrol © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.