Helena Escoda comezou o seu activismo no ano 2000 cando reuniu máis de mil sinaturas para protestar contra os sacrificios crueis que tiñan lugar no canil municipal de Mataró, sinaturas que despois entregou no Concello. Dende entón ten colaborado en moitos actos de protesta contra os abusos que reciben os animais en diferentes puntos de España. Por exemplo, ideou a campaña Por uns touros de lume sen crueldade en Catalunya, na que propoñía que se utilizasen touros de cartón en lugar de seres vivos. Finalmente, participou moi activamente na campaña para declarar Barcelona como cidade antitaurina.
Escoda intervirá na Conferencia Internacional pola Abolición da Tauromaquia que se celebrará o vindeiro sábado 16 de xuño na Coruña, organizada por Galicia, Mellor Sen Touradas e CAS-International.
"En Catalunya había unha situación determinada: consenso social e á mesma vez un consenso político para abolir as corridas de touros, pero ademais existe unha tradición lexislativa máis evolucionada respecto dos dereitos dos animais"
Que consello lles podes dar aos activistas galegos baseándote na experiencia exitosa de Catalunya?
En Catalunya había unha situación determinada: consenso social e á mesma vez un consenso político para abolir as corridas de touros, pero ademais existe unha tradición lexislativa máis evolucionada respecto dos Dereitos dos animais. En 1988 o parlamento catalán aprobou a primeira lei relativa á protección dos animais; esta foi a primeira lei deste tipo que se aprobou no Estado español. Esta lei ademais foi mellorada en máis dunha ocasión e recoñece o sufrimento dos animais tanto físico como psíquico, o que se dá nuns poucos países.
A diferenza doutras comunidades autónomas, para mencionar algúns exemplos, en Catalunya non está permitido por norma xeral sacrificar aos animais de compañía que foron abandonados, tampouco a exposición de animais en escaparates para a venda, tampouco as atraccións xiratorias con ponys, etc. Mesmo na lei de 1988 prohibiuse explicitamente matar os touros nos festexos populares ou correbous. Tamén existen máis de 50 concellos que aprobaron unha moción para declararse cidades antitaurinas, entre eles Barcelona capital, e hai máis de 50 municipios que xa non permiten o circo con animais salvaxes, entre eles as catro capitais de provincia.
"En moitas comunidades autónomas, pero Galicia é o exemplo máis claro, existe tamén o consenso social, mesmo aínda máis amplo que o de Catalunya, pero non se dá o político e isto é o principal impedimiento para seguir o exemplo de Catalunya"
En Galicia si hai consenso social para prohibir as corridas. Que falta?
En moitas comunidades autónomas, pero Galicia é o exemplo máis claro, existe tamén o consenso social, mesmo aínda máis amplo que o de Catalunya, pero non se dá o político e isto é o principal impedimiento para seguir o exemplo de Catalunya. Para empezar unha ILP coma a de Catalunya é importante que existan as posibilidades políticas, se non é así, non se poderá aprobar.
No entanto, é importante que se siga facendo o traballo de rúa, que os cidadáns mostren o seu rexeitamento a estes espectáculos por ser crueis. Pero ademais no caso de Galícia, penso que é moi importante oporse ao financiamento público da tauromaquia, xa que esta pode ser unha clave para conseguir o seu fin. A actual crise económica reduciu moito a celebración de festexos en todo o Estado. Isto é así porque estas celebracións non eran espectáculos rendibles e a súa dependencia da subvención pública era case total. Por exemplo a Feira da Coruña, se non se conta coa subvención pública, o espectáculo non se pode celebrar. Oporse ao financiamento público da tauromaquia é unha das mellores estratexias para evitar festexos taurinos. Xa que esta dependencia económica significa que a afección é moi minoritaria.
"O Partido Socialista o que non quere é comprometerse nin cuns nin con outros"
Por que algúns partidos políticos seguen sen apostar pola abolición naqueles lugares nos que unha inmensa maioría da poboación (por exemplo Galicia) rexeita este espectáculo?
É certo que os dous grandes partidos teñen matices rexionais moi destacados, como no caso de Galicia, tamén nas Baleares, Euskadi, e por suposto en Catalunya...etc. pero o Partido Popular ten no seu programa principal defender e promover a tauromaquia como parte esencial da cultura en todo o Estado. Loxicamente, esta directriz de Madrid será apoiada por todos os grupos autonómicos. Creo que esta é a principal razón.
O Partido Socialista o que non quere é comprometerse nin cuns nin con outros. No caso catalán, o PSC non apoiou claramente a ILP nin a favor nin en contra... Montilla votou en contra e a opinión pública resultoulle moi desfavorable. Os cataláns consideraron que o papel ambiguo do PSC para esquivar a ILP era unha directriz procedente de Madrid. Non contentou a ninguén, nin a taurinos, nin a abolicionistas. No entanto, en todas as formacións políticas, sexan cales sexan, hai persoas que rexeitan a tauromaquia por unha cuestión de moralidade.
A pesar que esta cuestión fose o branco de gran cantidade de críticas á ILP catalá, hai que destacar que os correbous son unha excepción nalgunhas vilas de Catalunya
Máis aló do problema das corridas de touros, mesmo naqueles sitios nos que deixan de celebrarse, subsísten outras formas de crueldade cara aos animais, por exemplo os correbous. Como loitar contra estoutras torturas?
En Canarias deixaron de permitirse corridas de touros en 1991 e, con todo, permítense as pelexas de galos... No caso de Catalunya falouse moito dos correbous... Creo que a mellor forma de traballar para abolir esta clase de tradicións crueis é traballar concienciado a nivel local. No caso dos correbous cataláns, o problema está moi focalizado nalgúns municipios. A pesar que esta cuestión fose o branco de gran cantidade de críticas á ILP catalá, hai que destacar que os correbous son unha excepción nalgunhas vilas de Catalunya e, especialmente, están que concentradas nunha rexión de moi pouco peso demográfico, en Lles Terres de l'Ebre, no extremo sur.
Cando empezou o proceso da ILP, a maioría de cidadáns cataláns ignoraban que en Catalunya se permitían festexos como os correbous. Ou tiñan unha visión dos mesmos moi distorsionada. En Catalunya tamén existe o falso mito de que nos correbous os animais non sofren, porque non lles fan o mesmo que nas prazas, non lles cravan nin banderillas, nin espadas, nin os matan, "só corren". Persoalmente, creo que os cidadáns de todo o Estado estamos tan afeitos a ver imaxes de corridas de touros, que xa non nos impresiona ver unha imaxe dun peche ou correbous. E pensamos que estes festexos non son crueis. Non podemos evitar comparalo coas corridas.
Despois da aprobación da ILP nos medios de comunicación cataláns e de todo o mundo falouse moito dos correbous e a súa crueldade. Grazas a toda esta repercusión, permitiuselle á maioría de cidadáns cataláns saber que é un correbous, que é un bou embolat (touro de lume), a modalidade máis controvertida. Antes da ILP, a presenza dos correbous nos medios de comunicación cataláns era moi residual. E como a gran maioría de cataláns viven en Barcelona, onde non se conservan este tipo de tradicións, a maioría de cataláns descoñecía o que pasaba nas festas de Lles Terres de l'Ebre. Actualmente, todas as enquisas dan unha clara porcentaxe que a maioría de cataláns son tamén partidarios de abolir os correbous.
"Se non fose por este financiamento público quizais a tauromaquia xa tería desaparecido"
É a estratexia de asociar touradas con cultura o último recurso dos taurinos para salvar unha actividade cruel pero que ademais subsiste grazas a subvencións?
Podemos considerar cultura todo aquilo que o ser humano faga por atavismo, por tradición. Dende o punto de vista antropolóxico todo acto social é cultura. A tauromaquia tamén o é, non o podemos negar, pero isto non significa que sexa digno de preservarse. Actualmente, a tauromaquia é unha tradición en vías de extinción que sobrevive grazas ao financiamento público. Por suposto que os afeccionados e os que traballan nesta industria considerarano cultura e reivindicarano como tal, é a maneira de conseguir e xustificar subvencións. Pero se non fose por este financiamento quizáis a tauromaquia xa tería desaparecido. A subvención non cobre só o soldo do toureiro e a loxística esixida para a celebración do espectáculo, senón que o diñeiro público é fundamental na gandaría do touro de lídia. Esta gandaría ten máis de romántica que de rendible, as subvencións europeas que reciben os gandeiros son fundamentais para poder seguir proporcionando touros ás prazas.
Agora que se fala tanto da marca españa, como afecta á imaxe de España no exterior as corridas de touros?
Por suposto que afecta e moi negativamente. A tauromaquia é cruel e os cidadáns estranxeiros maioritariamente consideran as corridas de touros un anacronismo bárbaro. Antes da aprobación da ILP estiven en moitos actos informativos fronte á praza de touros Monumental de Barcelona e vin centos de turistas que saíran chorando.
"Creo que as xeracións futuras non apoiarán máis estes espectáculos, porque crecen cunha mentalidade e unha sensibilidade máis desenvolvida que inclúe o respecto tamén para os animais"
Es optimista? Vendo a evolución dos últimos anos cres que poderemos ver o final das corridas de touros e outros espectáculos de crueldade cara aos animais?
Si, moito. Creo que as xeracións futuras non apoiarán máis estes espectáculos, porque crecen cunha mentalidade e unha sensibilidade máis desenvolvida que inclúe o respecto tamén para os animais. Nas prazas cada vez hai menos novas. Os mozos teñen outras afeccións, outras oportunidades; cada ano as enquisas dan máis partidarios da abolición, isto en parte tamén se debe á substitución xeracional. Non teño ningunha dúbida que a tauromaquia algún día desparecerá por falta total de afeccionados.