"En Sarria hai un baleiro de poder, a alcaldía xa non pinta nada"

Hai un mes os veciños pintaron corazóns nas árbores que foran marcadas para a súa tala © Plataforma Sarriana polo Río

Os e as activistas que na mañá deste luns se encadearon ás árbores da illa do Toleiro completaron o seu primeiro día de protesta. Hoxe a situación é máis tranquila e o propio madeirista a quen lle foi encargada a tala afirma que recibiu a orde de non cortar máis árbores este martes. Simplemente despezará as cinco que foron taladas ao longo do luns. Foi unha noite húmida (durante toda a mañá deste luns choveu sen parar sobre os alí encadeados) e escura, pois á unha da mañá a iluminación pública do Malecón foi apagada, o que non adoita suceder.

"Onte funcionou a mobilización", felicítase José María, un dos representantes da Plataforma Sarriana polo Río, consciente de que a acción dos e das veciñas da vila freou o primeiro intento de cortar as 178 árbores do lugar, aínda que recoñece que "algunha multa chegará, porque algún foi identificado por entrar na zona de obra". Pouco máis se sabe, en realidade. A plataforma denuncia que o Concello segue sen ofrecer explicacións sobre o proxecto e sen responder á demanda expresada unha e outra vez polos veciños de que o proxecto de encauzamento do río e de urbanización do Malecón sexa debatido. "Hai unha deixación de funcións da alcaldía, un baleiro de poder, a alcaldía xa non pinta nada" -denuncian- "Ningún concelleiro se achegou á concentración do domingo". "Xa nin sequera é un tema da Confederación Hidrográfica, é un tema do Ministerio", explican, en referencia ao departamento de Medio Ambiente que dirixe Arias Cañete, do que tampouco teñen noticias nin se posicionou publicamente sobre este tema nos últimos días.

As súas críticas diríxense ao proxecto no seu conxunto e tamén á forma en que foi elaborado: "isto fíxose nun despacho moi, moi afastado de Sarria, de forma moi pouco transparente e sen falar cos veciños. A xente pola mañá le a prensa, non le o DOG", afirman. Tamén contra o excesivo gasto nunhas obras innecesarias: "Os problemas co río son relativos, nunca se desbordou nesta zona. Aproveitan o plan de encauzamento que xa estaba aprobado polo goberno anterior para actuar no treito que pasa pola vila e acondicionalo da maneira que eles queren, arrasando con patrimonio [a actuación afectaría a unha ponte medieval] e cun corredor ecolóxico".

"Os problemas co río son relativos, nunca se desbordou nesta zona. Aproveitan o plan de encauzamento que xa estaba aprobado polo goberno anterior para actuar no treito que pasa pola vila e acondicionalo da maneira que eles queren"

Algúns dos veciños denunciaron nalgún momento a existencia de posibles intereses urbanísticos nunhas obras que implican unha reforma completa do Malecón e cuxo custe oscila entre os 3,6 e os 7 millóns de euros, segundo as fontes. Dende a plataforma afirman que "queremos comunicar certezas tan só, pedimos que ninguén que non lera o proxecto completo faga declaracións para os medios". De igual xeito, aínda que o plan de encauzamento foi aprobado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil cando aínda a presidía Francisco Fernández Liñares, agora imputado na Operación Pokémon, dende a plataforma destacan que non queren ligalo a este caso: "non nos consta que haxa ningunha ilegalidade e non ten por que habela".

Os veciños e veciñas tamén se amosan moi críticos cos partidos políticos, mesmo cos grupos que neste momento están apoiando as súas reivindicacións: "agora chaman de todos os partidos, onte chamaron mesmo eurodeputados que queren vir reunirse con nós. Pero até esta fin de semana estaban todos desaparecidos, e cando digo todos é todos. Algún tentou tirar beneficio das mobilizacións, pero oposición só comezou a aparecer na manifestación do domingo. Só cando veñen os medios veñen tamén os partidos meter o nariz", denuncian.

"Agora chaman de todos os partidos, onte chamaron mesmo eurodeputados que queren vir reunirse con nós. Pero até esta fin de semana estaban todos desaparecidos, e cando digo todos é todos"

A plataforma esixe explicacións por parte da directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, pola afección que pode sufrir a devandita ponte medieval. E sobre todo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, departamento a que lle demandan unha resposta sobre as razóns que o levaron a non aceptar un primeiro informe técnico, redactado en 2009 e que desaconsellaba este proxecto, e a encagar un novo estudo. Naquel informe de 2009 dicíase, por exemplo, que “ambos os dous ríos (río Sarria e río Celeiro) presentan un bosque de ribeira en moi bo estado de conservación, especialmente o río Sarria que, mesmo en su treito urbano, conserva unha vexetación arbórea autóctona considerable. Esta vexetación de ribeira encádrase no hábitat prioritario 91E0 (Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior”). Por todo iso, debe sinalarse a incompatibilidade ambiental das medidas planificadas". E concluía que "as actuacións proxectadas non solucionan os episodios de inundacións extraordinarias, supoñendo un impacto ambiental negativo de grandes proporcións.”

Un día clave será este venres 28 de febreiro, comezo do periodo de cría de aves e data límite por lei para realizar estas talas, sempre que os responsables das obras non consigan unha prórroga para poder levar a cabo estes traballos na semana que vén. Até entón, os veciños e veciñas seguirán encadeados. Polo río, e sobre todo en demanda dunha maneira distintas de adoptar as decisións que afectan a todos e a todas. José María conclúe que "nós somos expertos en desfacer o río, fixémolo durante décadas. Agora saíunos unha hormona nova e vimos que tiñamos que facer algo".

Os e as activistas pasaron a noite encadeados ás árbores © Plataforma Sarriana polo Río
Hai un mes os veciños pintaron corazóns nas árbores que foran marcadas para a súa tala © Plataforma Sarriana polo Río
Denuncian que o proxecto de encauzamento do río ao paso pola vila provocará a tala de case duascentas árbores autóctonas © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.