"A ría é nosa, non de celulosas". O xa clásico berro contra a permanencia de ENCE na ría colleu este venres novos folgos nas rúas de Pontevedra. As décadas de mobilizacións contra a pasteira fixeran que só unhas cantas ducias de persoas respondesen con constancia ás múltiplas convocatorias na súa contra. Pero a prórroga concedida polo Goberno de España en funcións para permitir que o fume de ENCE siga a agromar no paisaxe pontevedrés foi todo un revulsivo. Desta volta non foron ducias, senón milleiros as persoas que se botaron á rúa para clamar contra a herdanza que Mariano Rajoy deixa na que sempre presenta como a súa cidade.
Asociacións veciñais e ecoloxistas e todas as principais forzas políticas agás do PP manifestáronse por tras da faixa da plataforma ENCE fóra para sempre, en cuxo centro marchaba o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), flanqueado polo presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, e polo representante da Federación de Veciños Castelao, Juan Loureiro, ademais de por membros de En Marea, PSdeG, e outras formacións e colectivos chegados tamén dende outros puntos de Galicia. A praza da Ferraría rebordou cando a comitiva inicial se formou e as rúas fixeron o propio cando a manifestación comezou a avanzar.
Milleiros de persoas clamaron na rúa contra a "imperdonable e deleznable" prórroga decidida polo Goberno de España en funcións
Como salienta Pontevedra Viva, foron uns 90 minutos de percorrido nos que a cabeceira da manifestación tivo que realizar algunhas pausas para, dada a abundancia de persoas, permitir que a parte final da marcha puidese comezar a camiñar. A satisfacción pola resposta popular mesturábase coa "tristura" que, di Masa, inocula na cidade unha resolución "imperdonable e delenzable" que atribúe, en última instancia, a un presidente "desaparecido e derrotado" que mesmo se arriscou a "rozar a prevaricación", porque a concesión de ENCE "ten aberto o expediente de caducidade".
A APDR lamenta que "un veciño" da cidade a condene a 60 anos de "cheiro a ovo podre"
Os postos de traballo aos que o PP aludiu para desbotar a súa promesa de impulsar o traslado da pasteira, indica a APDR, non son máis que unha "milonga" dos populares que, salienta, teñen destacados membros sentados no consello de administración da empresa. O emprego xerado podería ser moito máis, afirma, se o lugar de ENCE pasase a estar ocupado por actividades marisqueiras ou turísticas. No entanto, lamenta o manifesto lido ao remate da protesta, a veciñanza de Pontevedra e bisbarra semella condenada aturar ata 2073 "o cheiro a ovo podre" e tamén o das "cloacas do Estado" alimentadas por "un veciño, Mariano Rajoy".
O Concello advirte de que fará "todo o posible" para frear o "pelotazo"
Tanto a plataforma convocante como a APDR e o propio alcalde advirten de que a deste venres non será a última acción contra a prórroga. Foi unicamente a primeira e "en quente", resalta Lores, quen di negarse a que Pontevedra teña que seguir "cheirando esta merda" ata dentro de máis de medio século. O goberno local, ratifica, presentará o recurso que legalmente ten a posibilidade de formular e seguirá a facer "todo o posible" para frear un "pelotazo" que, asegura, tamén terá consecuencias electorais para o PP, toda vez que este venres ficou claro que "a maioría" da poboación pontevedresa e a súa contorna non quere seguir convivindo coas consecuencias de "defender o poder económico que ENCE representa.
Remate da marcha, na Praza da Ferrería / GZ Foto