"Espazo de encontro permanente" ou simple "lavado de cara"? Nos primeiros días de xuño ENCE anunciou o envío dunha carta a dezaseis institucións e entidades da contorna de Pontevedra, dende algúns entes públicos ata colectivos abertamente contrarios á permanencia da pasteira na ría ata 2073, segundo o autorizado polo Goberno de España en funcións. Un dos colectivos convidados, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), vén de contestar ao convite cunha negativa. Non van, afirman, a colaborar na limpeza da "mala imaxe" da empresa "entre a poboación da comarca".
A carta, asinada polo director da factoría, Antonio Casal, diríxese a tres confrarías, á Plataforma polo Saneamento, a varias asociacións comerciais e empresariais e tamén a organismos dependentes da Xunta, como Augas de Galicia ou o Intecmar. "Demostrouse que o precario das relacións entre nós non beneficia a ninguén e prexudica á ría", di a carta, cuxo envío foi feito público pola empresa na xornada en que se celebrou unha nova manifestación polo seu traslado. A intención, asegura, é "sumar esforzos" para o saneamento da ría.
A empresa asegura querer "sumar esforzos" para sanear a ría de Pontevedra
O que ENCE presenta como unha vía de "dinamización das nosas relacións para impulsar a solución dos problemas da ría" é, para a APDR, parte da "actual campaña publicitaria" da pasteira. "Parécenos pretencioso -di a plataforma- que os directivos de ENCE se arroguen unha autoridade da que carecen". "Que leximidade teñen -pregúntanse- para convocar unha mesa do saneamento da ría a cuxa destrución contribúen de forma decisiva?", cuestionan, toda vez que consideran a fábrica "parte do problema, non da solución".
"A nosa relación con ENCE limitarase á nosa loita contra a súa presenza en Lourizán", retruca a APDR
"Por máis que a connivencia co PP e mesmo as relacións político-familiares con distintos cargos da Xunta" puidese "facer pensar noutra cousa", sinala o colectivo, o certo é que "a responsabilidade neste terreo" corresponderíalle ás administracións. Por todo isto cren "insultante" que "unha empresa que non amosou ningún respecto pola poboación da comarca, que nin sequera paga os seus impostos en Pontevedra" e que "durante moitos anos puxo en perigo a calidade das augas da ría e os postos de traballo da xente do mar, pretenda agora erixirse en líder do seu saneamento, o cal "non será posible" de xeito "integral" mentres "ENCE e ELNOSA sigan no seu actual emprazamento.
"As nosas relacións con ENCE limitaranse sempre a aquelas estritamente derivadas da nosa loita contra a súa presenza en Lourizán" e da "denuncia das súas ilegalidades e danos no medio ambiente, na saúde e na calidade de vida das persoas", advirte a plataforma. Igualmente, advirten, continuarán a "denunciar" as "connivencias coa administración, as portas xiratorias e as relacións familiares" de cargos da empresa con responsables da Xunta, aseguran..
Recurso do Concello
Concello e Deputación non figuran entre as entidades convidadas pola empresa
Entre as entidades citadas por ENCE como destinatarias da súa carta non están o Concello nin a Deputación de Pontevedra, cuxos gobernos se amosaron contrarios á prórroga. Nesta liña, case de xeito simultáneo ao convite o Concello pontevedrés iniciaba os trámites, mediante a súa aprobación na Xunta de Goberno Local, para interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a decisión adoptada polo Consello de Ministros o pasado xaneiro. A decisión, como indicou o Concello apoiándose nun informe da asesoría xurídica, chegaba despois de que o Ministerio non respondese ao requerimento previo formulado dende o consistorio. A falta de resposta enténdese que houbo rexeitamento.
Así as cousas, o goberno local litigará agora perante a Audiencia Nacional contra o que considera un "grave problema ambiental" que permanecerá ata que ENCE "saia" de onde está. Neste sentido, e tras o anuncio dun plan de integración paisaxística con medidas como a plantación "dunha pantalla de árbores", o Concello asegura que nada mudará ao respecto "aínda que a pinten de rosa". A dirección da pasteira só fai "brindes ao sol" para "lavar a súa imaxe", conclúe o voceiro do goberno, Raimundo González.