Endebedados e hipotecados polas multas de Facenda ao seu tío falecido

Manifestación de emigrantes retornadas en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Uns 250.000 pensionistas galegos están afectados pola campaña sancionadora de Facenda. Multas que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron desde 2008, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias. No medio da mobilización para conseguir deter as sancións e acadar unha regularización flexible da súa situación, os pensionistas comproban a falta de esperanzas que transmite a Axencia Tributaria, que segue considerándoos defraudadores e mantén e intensifica o envío de cartas mentres se aplica unha amnistía fiscal para os grandes evasores.

A campaña afecta a pensionistas emigrados de todo tipo e clase social. Retornados de Francia, Suíza ou Alemaña, entre outros países, aos que se lle reclaman cantidades que van desde uns poucos miles de euros a cifras inalcanzables para moitos. Pero non son os únicos afectados. Fillos ou descendentes de xubilados sancionados tamén están a recibir cartas por ser herdeiros dos requiridos. E hainos que se viron obrigados a pedir préstamos e endebedarse aínda máis para facer fronte ás declaracións e intereses de demora que agora lles reclaman.

Familiares de emigrantes xa falecidos fan fronte agora ás declaracións e intereses de demora requiridas por Facenda

Nati, unha muller da Illa de Arousa, é un da morea de casos deste tipo. Facenda reclámalle en total 8.000 euros pola pensión do estranxeiro cobrada por seu tío e os intereses de demora acumulados entre 2008 e 2012. Coidou del nos últimos tempos da súa vida e faleceu hai un ano. "Hérdase o bo e o malo", di a afectada que lle dixeron na xestoría onde se enterou dos pagos que agora tiña que enfrontar. Na súa casa tan só entra o soldo do seu marido e veuse obrigada a pedir un préstamo para ir pagando os diferentes prazos exixidos pola Administración Tributaria.

"De non pagar, xa me advertiron que poderían embargar calquera cousa", conta esta cidadá que lembra que xa ten "unha hipoteca á que facer fronte" e que considera "unha inxustiza" ter que abonar unhas cantidades das que nunca foi advertida, nin ela nin o seu tío, mentres este vivía. "Nós preocupámonos de preguntar e el sempre nos dixo que non tiña que pagar, que esas pensións non tiñan que ser declaradas", conta e coincide coas explicacións de milleiros de emigrantes que recordan que non só non foron informados, senón que incluso forn advertidos de que non terían problema ningún. Incluso algunha sentenza xudicial deulle a razón aos pensionistas que traballaron precisamente en Alemaña e en virtude do acordo bilateral que mantén o Estado.

Unha veciña da Illa tivo que pedir un préstamo para poder pagar os 8.000 euros que lle reclama o Estado e evitar que lle embarguen propiedades

"Por que non chegaron esas cartas mentres meu tío estaba vivo? Daquela sería tan fácil como irlle descontando da súa paga o que reclamasen, pero nunca soubemos que houbese que pagar até agora", quéixase Nati, que agora ten que abonar as declaracións e os elevados intereses de demoras, pero non as sancións ao estar falecido o afectado. Aínda así, a modesta herdanza da que goza converteuse agora nun problema en tempos de crise e necesidade. Ao tempo, o Goberno central aplica unha amnistía fiscal aos grandes defraudadores e os técnicos de Facenda denuncian nun estudo que as grandes fortunas e as grandes empresas concentran máis do 71% da fraude fiscal do Estado. Pero pagar, pagan os de sempre.

Reivindicación dos emigrantes pensionistas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.